O proxecto da AG-59 arrasará o Camiño da Geira e dos Arrieiros ao seu paso por Santa Cristina e Cora


Camiño da Geira ao seu paso por Santa Cristina e Cora

Susana Camba: “En 2009 a Xunta barallaba dúas alternativas para a ampliación da AG-59 á Estrada e goberno Feijóo escolle o peor, coa complicidade do alcalde”

Hoxe os medios de comunicación recollían a foto de dous concelleiros do goberno municipal do PP colaborando coa sinalización do Camiño da Geira e dos Arrieiros que discorre pola Estrada. A concelleira do BNG, Susana Camba, afirmou que “se a foto ten algo de positiva, é porque é a primeira vez que vemos traballar aos concelleiros do PP”.

“Está claro que teñen boa intención”, engade, “mais o que non contan, nin eles nin o alcalde, é que o Camiño da Geira quedará arrasado cando menos en tres puntos pola ampliación da AG-59 ao seu paso por Santa Cristina de Vea e Cora”. “Neses tres puntos, un deles é no Rollo”, engade, “a autovía pasará literalmente por enriba do Camiño da Geira e dos Arrieiros que vén de Braga”.

“Estaría ben que o alcalde explicara como vai facer a Xunta para protexer un camiño histórico, que a propia administración non recoñece como tal de momento, e que tanto empeño poñen os seus concelleiros en sinalar”, afirma.

“Por outra parte”, indica a concelleira nacionalista, “o alcalde tamén terá que darlle explicacións á Asociación Codeseda Viva, que fixo un intenso e meritorio traballo de estudo e divulgación do camiño, que agora vai quedar sepultado en Santa Cristina e Cora pola ampliación da AG-59”.

A concelleira nacionalista tamén reitera que o deseño deste proxecto de ampliación “é negativo para o noso concello, xa que liquida terras agrarias, arrasa patrimonio natural, cultural e etnográfico posto en valor con fondos europeos, divide parroquias… un despropósito”. “É curioso, en 2009 a Xunta barallaba dúas alternativas para a ampliación da AG-59 á Estrada e goberno de Feijóo escolle o peor, coa complicidade do alcalde”, afirma.