O BNG da Estrada e de Teo levan ao Parlamento Galego a retirada do proxecto de ampliación da AG-59


Roteiro do Río Vea (Muíño da Ramona)

Arrasar fincas, espazos naturais e patrimoniais non é o mellor xeito de traballar por un rural vivo e con futuro

Desde o BNG da Estrada e de Teo consideramos que o proxecto de ampliación da AG-59 ao seu paso por ambos os dous concellos é unha agresión en toda regra ao medio ambiente, ao patrimonio cultural e etnográfico, así como os nosos sectores produtivos, e merece ser retirado. A deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse prado, presentará nos vindeiros días unha iniciativa neste sentido, pedindo á Xunta a retirada do proxecto que trae máis problemas que beneficios a ambos concellos. Arrasar fincas, espazos naturais e patrimoniais non é o mellor xeito de traballar por un rural vivo e con futuro.

Montse Prado visitou na tarde de onte a zona pola que transcorrerá a autovía AG-59 entre Couso e Vilacriste, no concello da Estrada. A deputada estivo acompañada pola concelleira do BNG da Estrada, Susana Camba, e polo concelleiro do BNG de Teo, Manuel Barreiro, así como membros da asociación A Xesteira de Couso. Montse Prado percorreu unha parte da ruta dos muíños de Vea, aberta pola asociación e sufragada con fondos europeos, da Xunta e do Estado para súa posta en valor, amosando especial interese na zona concreta pola que a autovía atravesará o río Vea arrasando dous dos muíños do roteiro.

Toda a ribeira do Ulla que descorre polos concellos da Estrada e Teo está inserida no sistema fluvial Ulla-Deza da Rede Natura 2000, e a maiores o río Vea, desde o lugar de Cardelle até a desembocadura no Ulla, así como río Liñares, desde Pina até o citado río. Porén, a Consellaría de Infraestruturas elaborou o proxecto de ampliación da AG-59 desde a Ramallosa (concello de Teo) até o Rollo (concello da Estrada), cunha autovía que atravesa o río Ulla cun viaduto de 40 metros e catro carrís, e o río Vea, con outro pequeno viaduto, ambos incluídos na Rede Natura 2000.

A ampliación da AG-59 discorre por un espazo protexido no que se concentra vexetación autóctona como carballos, ameneiros e freixos, e tamén fauna como salmón, troita, lamprea, parrulos, morcegos ou mexillón de río entre outras especies. Por outra parte, o trazado tamén afecta gravemente a patrimonio etnográfico de enorme importancia cultural, como os Muíños do Vea, posto en valor pola asociación A Xesteira de Couso, sufragado con fondos europeos, da Xunta e do Estado. Ademais arrasa terreos agrarios en ambos os dous concellos, en especial en Cora onde se concentran varias explotacións agro-gandeiras, que verán diminuído as terras de cultivo. Por outra parte, este proxecto de autovía deseñado pola Xunta do PP, divide parroquias, afectando gravemente á habitabilidade destas, xa que discorre moi preto das casas, como por exemplo no Rollo, onde remata a autovía.

Por outra parte, o deseño deste proxecto non está pensando para dinamizar a economía de ambos concellos, ao contrario, está deseñado para acurtar o tempo de desprazamento a Santiago de Compostela, onde se atopan grandes centros comerciais, o que afectaría gravemente á economía local da Estrada e de Teo.

Tamén se verá afectado o Camiño da Geira e dos Arrieiros que vén de Braga (Portugal) até Santiago Compostela, camiño que foi posto en valor pola asociación Codeseda Viva, que logo dun intenso traballo de documentación demostrou que ten a súa orixe no século IX.

Como xa informamos nas pasadas semanas, desde o BNG presentamos unha serie de alegacións ao proxecto, do que aínda non temos resposta, no que detallamos todas estas cuestións que lle trasladamos á deputada Montse Prado. Por outra parte, tamén elevamos unha pregunta á Comisión Europea pola agresión que supón este proxecto á Rede Natura é a filosofía dos fondos FEADER, que se utilizaron para a posta en valor do roteiro e dos muíños do Río Vea.

Ponte de Pontevea

Ademais visitaron a contorna da Ponte de Pontevea para a que o BNG impulsou a declaración de Ben de Interese Cultural. Esta reclamación histórica do bloque non se fixo coa idea de que ficara só nun papel, senón para darlle unha maior proxección á zona da ponte e á rio Ulla ao seu paso por este fermoso enclave que une ambos concellos. O BNG demanda a posta en marcha dun plan integral de rehabilitación, que realce e protexa este ben cultural e patrimonial e esiximos que se valore axeitadamente a Ponte e a súa contorna como elemento turístico, cultural e social, que se actúe na súa conservación e mantemento e que se dinamice con fins de aproveitamento tanto por parte da veciñanza coma dos visitantes.