O BNG propón no Parlamento que a Xunta converta o antigo centro de saúde nun centro de día


Antigo centro de saúde

A deputada Montse Prado presentou unha iniciativa para que a Xunta de Galiza negocie directamente co Estado a cesión ou venda do antigo centro de saúde para convertelo nun centro de día

Desde o BNG da Estrada levamos pedindo desde 2017 que o antigo centro de saúde, localizado na Avenida de Santiago, se reconverta nun centro de día. Sen embargo, no goberno municipal do PP aínda non teñen claro que uso darlle nin como van facer para conseguir a cesión ou a venda deste inmóbel a un prezo asequíbel situado no centro da vila, que pertencen o Ministerio de Traballo.

No BNG seguimos reiterando a nosa aposta por converter este espazo nun centro de día, e nese sentido, a nosa deputada no Parlamento Galego, Montse Prado, presentou unha iniciativa para que a Xunta de Galiza negocie directamente co Estado a cesión ou venda do antigo centro de saúde para convertelo nun centro de día, que vaia máis alá do apaño posto en marcha polo goberno municipal na praza de abastos, xa que entendemos que non cubre a demanda existente no noso concello.

Hai que ter en conta que segundo o IGE no noso concello había en 2020 5.637 persoas que tiñan máis de 65 anos, un 28% do total, das cales 1.143 tiñan máis de 85 anos. A isto hai que engadirlle a maiores que hai 2.237 persoas no noso concello con distinto grao de dependencia, segundo os datos da propia Xunta. Con estes datos fica claro que o actual centro de día da praza de abasto non é suficiente, xa que só ofrece 20 prazas a xornada completa e 40 a xornada partida.

Neste asunto o PP da Estrada volve a demostrar a súa falta de iniciativa e de ideas para o noso concello. Era sabido que ese espazo ía quedar baleiro, mais o alcalde e o grupo de goberno aínda hoxe non saben que uso darlle ao antigo centro de saúde. Mais desde o BNG reiteramos a nosa aposta por un centro de día.

Por outra parte, esta falta de iniciativa do goberno do PP volve deixar tirados aos veciños e veciñas da Avenida de Santiago. O centro de saúde era un elemento dinamizador dos negocios desta rúa, especialmente da hostalaría. Entendemos que o centro de día sería un balón de osíxeno nesta dinámica de desequilibrio que o PP está provocando na vila, sen importarlle investir en zonas urbanas máis favorecidas, deixando outras, coma neste caso, abocadas a esmorecer camiñando cara unha barriada residual na que comercio e hostalaría corran o risco de pechar.