O parque eólico de Castrovalente chega ao Parlamento da man do BNG


Este enclave situado entre os concellos da Estrada e Padrón tamén está no obxectivo das grandes empresas eléctricas, empresas depredadoras que non xeran retorno económico algún os nosos concellos

Galiza está a sufrir unha tremenda onda expansiva de parques eólicos da que o concello da Estrada non está exenta. Desde o Campo das Rosas, monte de Arca, monte da Rocha (xa en funcionamento) até o monte de Castrovalente.

Castro Valente é un dos puntos de impacto. Situado no extremo noroeste do concello da Estrada, á beira do río Ulla, comparte fronteira co concello de Padrón, e a parte de ser un espazo de indubidábel beleza paisaxística, é unha área de interese arqueolóxica, que está sendo investigada pola Universidade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

Mais, a pesar do intereses histórico e paisaxístico, Castelovalente tamén está no obxectivo das grandes empresas eléctricas, xa que hai un proxecto en marcha para a instalación dun parque eólico: Lamentabelmente, unha vez máis, esta agresión non está tendo resposta por parte dos goberno municipais da Estrada e de Padrón.

Porén este xoves 15 de abril, dentro dunha campaña do BNG en defensa dos intereses do noso País, o deputado Luís Bará e as deputadas Iria Carrera e Montse Prado, acompañados pola nosa concelleira, Susana Camba, así como pola concelleira do BNG Padrón, desprazáronse a Castrovalente para facer un chamamento e denunciar o espolio dos nosos recursos Galiza por parte das grandes multinacionais enerxéticas.

Luis Bará resaltou “a devastación e o grave impacto que supón a implantación destes parques eólicos, ao igual que as liñas de alta tensión, nestes enclaves únicos con tanta riqueza natural e patrimonial”. Tamén remarcou que dende o BNG se seguirá a traballar, tanto no Parlamento Galego como nos Concellos afectados, na esixencia de proxectos xustos, sustentábeis e respectuosos co territorio e coas comunidades locais.

Pola súa parte a concelleira do BNG da Estrada, Susana Camba, explicou que “Castrovalente é un espazo que merece ser posto en valor, non só por cuestións paisaxísticas deste enclave, situado aos pés do río Ulla, senón polo patrimonial; o noso concello está sementado de numerosos castros, mais en ningún caso o concello pon o máis mínimo intereses neles, deixándoos esmorecer ou, o que é peor, permitindo coa súa pasividade que sexa pasto de empresas depredadoras que non xeran ningún retorno económico o noso concello”.