O BNG organiza un acto público para explicar as repercusións dos parques eólicos na Estrada


Susana Camba: “cremos necesario explicar aos veciños e veciñas da Estrada que hai detrás deste boom de parques eólicos que asolagan, non só A Estrada, senón Galiza enteira”

O vindeiro venres 7 de maio, ás 20.30 horas, o BNG organiza un acto público sobre a instalación de parques eólicos no concello da Estrada. O acto, que se realizará na Praza do Mercado, contará coa participación de Susana Camba (concelleira) e Luís Bará (deputado no Parlamento Galego).

A concelleira do BNG explica que “a solicitude de permisos para instalar parques eólicos no noso concello está acadando límites preocupantes e por iso entendemos que é a nosa obriga explicar as causas políticas e as consecuencias económicas e sociais, que implica un desembarco deste calibre nos montes do noso concello”.

“Se se materializan estes proxectos”, afirma Susana Camba, “no horizonte dos catro puntos cardinais do noso concello só veremos muíños de vento, aeroxeradores de electricidades, cuxos beneficios económicos non repercutirán no noso concello, mais si os problemas”. “Cremos que a veciñanza ten que coñecer o alcance deste proxectos”, engade a concelleira, “e por iso cremos necesario explicar aos veciños e veciñas da Estrada que hai detrás deste boom de parques eólicos que asolagan, non só A Estrada, senón Galiza enteira”.

O acto contará coas medidas de seguranza por mor da pandemia e tamén será retransmitido via streaming.