O BNG DENUNCIA E AVISA DO PERIGO DE ACCIDENTE POR OBRAS MAL FEITAS EN VÍAS MUNICIPAIS


Sucedeu hai máis dun ano na travesía que une a estrada de Arca co núcleo de Torreboredo e agora hai un par de semanas a situación repítese, pero en peores condicións, coa vía que une a N-640 coa PO-2016 de Vinseiro.

Debido ás obras de mantemento que o concello fixo nela, é moi perigoso circular por esta vía debido ao estreitamento da calzada e tamén á profundidade que lle deixaron ás cunetas. O perigo de accidente por saída de vía é evidente cando se cruzan dous coches, e hai que abeirar para pasar.

Para o BNG é inexplicable que cos cartos públicos se faga de forma deficiente unha obra que ademais de non proporcionarlle un servizo razoable as veciños e veciñas, poña en risco a súa integridade física e os ben materiais.

Neste caso a cuestión ten máis consecuencias, explica Susana Camba, concelleira do BNG, se se ten en conta que esta travesía representa unha opción importante para quen veña do lado de Lalín e pretenda dirixirse a Cereixo, Guimarei, Vinseiro ou mesmo quen baixe por Fernando Conde e pretenda dirixirse a estas parroquias sen ter que cambiar de sentido xunto da vella discoteca Lennon, manobra non exenta de perigo.

O BNG ten denunciado esta situación en varias ocasións co silencio por resposta do goberno do Sr. López.

Desde o BNG somos conscientes de que nesta cuestión están implicadas varias administracións : Fomento Deputación e mesmo Concello, pero semella que ao goberno do PP pouco lle importa a seguranza e os servizos dos seus veciños e veciñas como demostra o feito de que nunca se dirixira nin a Fomento nin á Deputación, sexan da cor que sexan, para esixir unha solución a este problema.

Desde o BNG, unha vez máis, cumprimos co noso compromiso público denunciando a situación. Quen ten a responsabilidade que lle encargaron os votos verá cales son as súas obrigas e se está disposto a exercelas.

Plan de mellora de estradas

Por outra parte, instamos o goberno do PP a poñer en marcha un plan de mellora de estrada de titularidade municipal. En xeral están en moi mal estado, feito que xa denunciamos en reiteradas ocasións como por exemplo a estrada que vai de Santo André de Vea a Frades en 2019, sen que até o momento o goberno municipal actuase sobre ela, ou tamén a que vai de Santa Mariña a Barcala.

O goberno municipal do PP ten que tomarse a serio a mellora das vías de comunicación do concello, non é de recibo tanto desleixo e desprezo polos servizos que prestan aos veciños e veciñas.