BNG da Estrada mobilízase en Compostela contra os espolio enerxético e os parques eólicos


Susana Camba: “cremos que enerxía é un ben público e o vento o noso petróleo, e este ten que estar ao servizo dos galegos e galegas, non para engordar os beneficios das eléctricas”

Militantes e simpatizante do BNG participaron na manifestación convocada por diversos colectivos sociais contra a proliferación de parques eólicos no noso país, unha situación da que non é alleo o noso concello, onde se prevén diversas instalacións no monte do Campo das Rosas ou Castro Valente.

Susana Camba, concelleira do BNG, explicou “a pesar de que varios colectivos do noso concello e mesmo o BNG presentamos alegacións aos proxectos previstos, cremos que é importante que as instancias políticas da Xunta e mesmo do Estado vexan que Galiza e a A Estrada din non aos parques eólicos”. “Non podemos ter todos os montes inzados de muíños de vento”, afirma, “e a situación pode ir a peor se non se lle pon freo”. “Hai que ter en conta que segundo os datos publicados por Red Eléctrica Española, Galiza é a segunda comunidade que máis parques eólicos ten e a segunda que máis produce”, engade, “polo tanto cremos que xa abonda”.

“Por outra parte”, explica a concelleira nacionalista, “cremos que enerxía é un ben público e o vento o noso petróleo, e este ten que estar ao servizo dos galegos e galegas, non para engordar os beneficios das eléctricas”. “Nestes sentido”, engade, “o BNG aposta pola creación dunha empresa enerxética pública que proporcione a familias e empresas un prezo da electricidade asequíbel, cuxos beneficios se poidan reinvestir en Galiza para xerar emprego e riqueza”.

A concelleira do BNG explica que “na actual situación Galiza só sirve de espazo para instalar muíños sen que nos vexamos beneficiados por esta situación, xa que a enerxía marcha e as plusvalías que xera tamén”. “Isto é un espolio de libro e temos que frear esta situación”, afirma.