Non se poden suprimir prazas de aparcadoiro


O goberno non pode facer experimentos, ten que buscar unha alternativa para que centos de veciños e veciñas poidan aparcar

O goberno municipal do PP vén de anunciar que trasladará temporalmente a feira dos mércores para acoller as atraccións do San Paio ao aparcadoiro público da Avenida de América. No BNG non estamos de acordo con este cambio. Estamos a falar dun aparcadoiro moi grande, céntrico, que dá servizo a centos de veciños e veciñas, e non pode ser que o goberno do PP suprima este espazo precisamente o día que máis coches entran na vila.

O goberno ten que buscar unha alternativa para todos eses vehículos, non pode suprimir alegremente centos de prazas de aparcamento sen unha nova localización. “Imos probar”, escribía o concelleiro de urbanismo en Facebook, o que quere dicir que este cambio non é algo conxuntural por mor das festas, este experimento está motivado polas futuras obras da Praza da Feira, o que implicará o forzoso traslado da feira dos mércores.

Entendemos que na política non se está para facer experimentos, senón para chegar a acordos. O goberno do PP ten que sentarse cos feirantes para buscar unha localización temporal para a feira, tendo tamén en conta as necesidades de aparcamento dos veciños e veciñas.