O BNG da Estrada recollerá sinaturas contra o tarifazo eléctrico


Este mércores o BNG da Estrada iniciará a recollida de sinaturas contra a suba do prezo da luz e por unha tarifa eléctrica galega, que faga máis asequíbel o prezo que pagan os veciños e veciñas pola electricidade.

Segundo explicou a portavoz municipal, Susana Camba, “hai un profundo malestar por esta suba do prezo da luza, que ao mesmo tempo coincide coa presentación de proxectos de parques eólicos no noso concello, como non se vía desde hai anos”. “O goberno español de PSOE e Podemos aprobaron unhas tarifas eléctricas que incrementará os beneficios das eléctricas a costa de empobrecer ao conxunto das clases traballadoras”, explicou.

A recollida de sinaturas está prevista que arranque este mércores 16 de xuño, aproveitando a feira, “xa que é un día no que se concentra un gran número de veciños e veciñas na vila”. “Con todo”, explicou Susana Camba, “a recollida de sinaturas vai dirixida á Xunta de Galiza e vai máis alá de amosar a nosa disconformidade contra a estafa eléctrica, senón que instamos á administración autonómica a moverse para abaratar a factura da luz a todos os galegos e galegas, de maneira que se compense o papel de Galiza como excedentaria na produción eléctrica e o forte impacto ambiental e social derivado do noso papel de produtor eléctrico”.

“Por outra parte”, engade a concelleira do BNG, “pedimos tamén que o IVE da factura da luz pase do 21% ao 4%, xa que entendemos que a electricidade é un ben de primeira necesidade e non pode ter impostos tan disparatados”. “Aquí batemos en óso”, afirma Susana Camba, “xa que para os grandes partidos estatais (PP e PSOE), que a semana pasada no Parlamento Galego votaron en contra dunha iniciativa do BNG que recollía esta petición, prima máis o afán recadatorio, que aliviar a factura da luz dos veciños e veciñas”.

Ademais, o BNG aposta pola creación dunha empresa pública galega de enerxía, “inicialmente integrado polos encoros que vaian rematando o período de concesión, así como a participación noutros ámbitos de xeración de enerxía para a socialización dos beneficios”.