Termos un goberno do PP “pasota” ten consecuencias


Foto: Protección Civil

Susana Camba: “Xa o fixemos en febreiro pasado, mais nstamos novamente ao goberno do PP a retirar todos os coches abandonados que hai na vila, son un perigo e non poden volver a repetirse sucesos como os de onte”

“Este goberno do PP é un goberno pasota”, afirmou a concelleira do BNG, Susana Camba, no pleno ordinario do mes de xullo, celebrado hoxe á tarde. “No mes de febreiro deste ano denunciamos que había unha serie de coches abandonados nas rúas da Estrada, e instamos ao goberno a retiralos polo evidente perigo que supoñían”, explicou, “e onte pola tarde Emerxencias da Estrada tivo que actuar porque un deses coches estaba ardendo na Rúa Marín”.

“Aproveitamos este pleno, onde se levanta acta do que aquí se di, para instar novamente ao goberno do PP a retirar todos os coches abandonados, que aínda hoxe ocupan espazo público nas rúas da vila”, indicou a concelleira nacionalista. “Que este suceso, que afortunadamente non tivo maiores consecuencias que o desprazamento dos efectivos de emerxencias, sirva de escarmento e sirva para que o goberno do PP abandone a sesta e se poña a traballar polos veciños e veciñas da Estrada”, afirmou.

A concelleira do BNG tamén insistiu en que “este suceso demostra que este é un goberno pasota, que lle dá igual que haxa coches abandonados na vila, como que as vías de comunicación do rural estean abandonadas e sen rozar as cunetas”. “Xa é tempo de que este goberno actúe, os veciños e veciñas pagan impostos para recibir do goberno municipal uns servizos de calidade e non a chapuza permanente na que está instalado o goberno de López”, afirmou a concelleira do BNG.