O BNG insta ao goberno municipal do PP a mellorar xa a Avenida de Santiago


Susana Camba: “A paciencia dos veciños e veciñas, así como a de todas as persoas que usan esa rúa a diario, esgótase, e cada día que pasa a rúa está peor”

O alcalde a Estrada dixo en xaneiro pasado que estaban estudando a mellor maneira de arranxar o problema crónico do asfalto da Avenida de Santiago. “Estudar e analizar os problemas en profundidade está ben, mais van alá seis meses e nada de sabe do arranxo nin de cando nin como se vai mellorar a citada rúa”, afirma a concelleira do BNG, Susana Camba.

“A mellora da Avenida de Santiago hai que facela en profundidade para que non se volva deteriorar o asfalto co paso do tempo”, engade, “mais a paciencia dos veciños e veciñas, así como a de todas as persoas que usan esa rúa a diario, esgótase e ven como o concello non fai nada, e cada día que pasa a rúa está peor.”

“Desde o BNG instamos o goberno municipal a actuar xa sobre a Avenida de Santiago, o tempo apremia, hai que aproveitar o bo tempo do verán para facer un arranxo definitivo e con garantías”, afirma a concelleira nacionalista.

“Por outra parte”, engade Susana Camba, “insistimos na necesidade de trasladar o tráfico pesado por outra alternativa, nin é cómodo para os veciños e veciñas da Avenida de Santiago, nin tampouco o é para os transportistas que a utilizan”.