O Museo do Pobo Estradense: un edificio abandonado, por dentro e por fóra


Susana Camba: “O PP estradense é un xenocida cultural e patrimonial, que só ten ollos para o cemento, e o estado do museo demostra o nulo interese pola historia e tradicións do noso concello e polo inxente traballo de persoas que, como Reimóndez Portela, recopilaron todo o material que alí hai”

Un medio de comunicación local publicaba en 2018 o seguinte titular: “A Estrada busca fórmulas para reabrir o Museo do Pobo Estradense en 2019 tras unha década pechado”. “Este titular en poucos meses cumprirá tres anos, e o Museo Reimóndez Portela seguirá pechado”, afirma a concelleira do BNG, Susana Camba.

“Mais non só iso”, engade, “continuará pechado e rodeado dunha frondosa selva de todo tipo de flora que a día de hoxe rodea o museo”. “A este paso, un museo etnográfico como este poderá converterse nun parque temático da flora e fauna local; en resumo: un desastre que demostra o nulo interese do PP pola historia e tradicións do noso concello e polo inxente traballo de persoas, como Reimóndez Portela, que recolleron todo o material que alí hai”, indica a concelleira nacionalista.

Susana Camba explica que “en reiteradas ocasións pedimos que se abra ao público o museo, mesmo presentamos unha moción., mais a día de hoxe o Museo é un edificio abandonado, por dentro e por fóra”. “Por outra parte, nada novo”, engade a concelleira do BNG, “o PP estradense é un xenocida cultural e patrimonial, que só ten ollos para o cemento, unha actitude, que contrasta con outros gobernos municipais do PP, nos que teñen algo máis de reparo co noso patrimonio”. “O estado do museo”, engade, “é a proba evidente do desleixo do goberno a respecto do museo é a falla de infraestrutura permanente de persoal e de recursos para facer mantemento, posta en valor e evolución do mesmo.”, engade.

“En todo caso”, afirma a concelleira, “desde o BNG instamos ao goberno municipal a coidar o noso patrimonio e a abrir o Museo do Pobo Estradense”.