Estación de autobuses, centro ictioxénico e matadoiro: A Estrada é un cemiterio de edificios públicos abandonados


Susana Camba: “A estación de autobuses languidece desde hai anos, sen que concello ou a Xunta miren por poñela en funcionamento ou darlle outro uso a ese espazo”

“O noso concello é un cemiterio de edificios públicos abandonados”, afirma a concelleira do BNG, Susana Camba. “Centro Ictioxénico entre Cora e Couso, o Matadoiro, o Museo e non nos podemos esquecer da estación de autobuses, que languidece desde hai anos, sen que concello ou a Xunta miren por poñela en funcionamento ou darlle outro uso a ese espazo”, engade.

“No PP deben pensar que eses edificios saíron de balde, mais a realidade é que a Estación de Autobuses tivo un custe para o erario público de 130 millóns de pesetas de 1994, a día de hoxe facer un edificio desas características superaría o millón de euros”, explica a concelleira do BNG.

“A estación estivo en réxime de concesión até marzo de 2005, iniciándose nese mesmo período unha nova licitación, que entendemos quedou baleira”, afirma a concelleira nacionalista, “xa que esta é a última referencia que hai no DOG sobre o citado edificio”.

Susana Camba indica que “a estación non ten funcionamento como tal desde hai anos, e hoxe o seu interior é un espazo onde se amorea todo tipo de refugallo; desde o BNG pensamos que xa é hora de que Xunta e Concello fagan algo para rehabilitar ese espazo”.

Susana Camba insta “ao goberno municipal a moverse e actuar; o noso concello estase a converter nun cemiterio de edificios públicos, mais tamén privados, abandonados, e iso, por moito cemento que queira poñer o alcalde na Alameda, non é unha boa imaxe para A Estrada, aparte de que é tirar cos cartos de todas e todos”.