Un novo parque eólico no noso concello, López non pode ficar de brazos


Susana Camba: “o goberno municipal ten que parar esta desfeita, non pode limitarse a levantar a man nos plenos”

O noso concello volve estar ameazado por un novo parque eólico, desta volta nos montes de Orosa, parroquia de Orazo. O parque eólico de Targos presentouno Naturgy o pasado 21 de xullo no rexistro da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; terá unha potencia de 30 MW, que se obterá mediante 5 aeroxeradores de 6.000 kW de potencia nominal unitaria, cuxo pé central terá unha altura de 120 metros e as aspas 170 de diámetro.

A concelleira do BNG, Susana Camba explicou que “o goberno municipal do PP ten que actuar, non pode quedarse de brazos cruzados mentres se enchen os nosos montes de muíños de vento”. “Isto é unha desfeita, o noso concello terá eólicos polos catro puntos cardinais”, afirma.

Susana Camba explicou que “o parque eólico de Targos, como o resto de parques que se proxectan no noso concello, están moi preto de núcleos de poboación, coa afectación que iso terá para os veciños e veciñas dos lugares onde se instalarán os muíños, como por exemplo no caso do lugar de Pazos en Orazo, que terá aeroxeradores a 546 metros do núcleo”.

“Tamén afecta as Brañas de Xestoso, e polo tanto Rede Natura 2000, xa que algúns dos muíños estará a só 200 metros deste espazo, e non o dicimos nós, así figura no propio proxecto de Naturgy que presentou na Xunta”, indica a concelleira nacionalista.

Susana Camba insiste en que “o goberno municipal ten que parar esta desfeita, non pode limitarse a levantar a man nos plenos”. “O alcalde pertence ao PP e é o PP na Xunta de Galiza quen pode parar esta desfeita eólica no noso concello; López non pode ficar parado ante esta nova agresión o noso medio e á nosa riqueza paisaxística”, engade.

“Por outra parte”, engade a concelleira do BNG, “estamos vendo como cada día que pasa as eléctricas soben o prezo da electricidade ao mesmo tempo que instalan muíños de vento nos nosos montes para encher o peto dos e das accionistas sen que os galegos e galegas teñamos ningunha vantaxe por sufrir as consecuencias desta desfeita”. “Neste sentido”, indica a concelleira nacionalista, “é bo recordar que é o PP o que veta unha tarifa eléctrica galega como pide o BNG, que abarataría o prezo da electricidade para as familias e empresas; e é o PP, mais tamén o goberno central, os que autorizan a instalación de muíños de vento nosos montes”. “Ten que rematar esta entente cordiale dos partidos que gobernan en Madrid e o que goberna a Xunta coas grandes eléctricas, que son as que cortan o bacallao”, afirma a concelleira do BNG.