A fibra ten que chegar ao 100% do noso concello


Susana Camba: “ ningún veciño ou veciña pode quedar fóra do despregue desta infraestrutura clave do século XXI porque faltan un ou dous postes; o alcalde ten que tomar medidas”

A concelleira do BNG, Susana Camba, denuncia que a fibra óptica non está despregada no 100% do noso concello, “mesmo temos constancia de veciños e veciñas que non teñen acceso á fibra a pesar de que no lugar onde viven si hai casas nas que si chega”. “Non pode ser que Movistar, a operadora que fixo a instalación no noso concello, deixe sen fibra a veciños e veciñas por non poñer un ou dous postes máis”, afirma; “Non é de recibo e o concello deber tomar cartas no asunto para evitar que haxa veciños de primeira e veciños de segunda”, engade.

“O rural galego caracterízase por unha grande dispersión, é o noso xeito de habitar o territorio”, explica, “pero iso non pode ser escusa para deixar sen servizos aos veciños e veciñas do rural”. “O despregue de fibra óptica faise con cargo a subvencións públicas, non se pode discriminar o rural nin deixar fóra da fibra a casas porque lle falta un poste ou dous”.

“Por outra parte, este xeito de proceder de Movistar está deixando en moi mal lugar a Estrada Dixital, que comercializa fibra desde hai poucas semanas, e isto o goberno municipal do PP non o pode permitir”, afirma a concelleira nacionalista, “o alcalde ten que tomar medidas, a fibra ten que chegar ao 100% do noso concello, ningún veciño ou veciña pode quedar fóra do despregue desta infraestrutura clave do século XXI porque faltan un ou dous postes”.