As prioridades do concello non pasan por peanolizar a rúa Calvo Sotelo


Os remendos da N-640 ao seu paso pola vila. Imaxe Google Earth ano 2017

A Variante, mellorar a Avenida de Santiago, a 25 de Xullo, abrir novas rúas, mellorar os viais do rural, pintar os pasos de peóns… deberían centrar as actuacións do goberno municipal do PP

O BNG volve reiterar a súa desconformidade coa actuación de concello e Xunta de Galiza na Rúa Calvo Sotelo. Como xa dixemos non é unha actuación prioritaria nun concello con tantas carencias e nunha rúa que hai poucos anos tivo unha remodelación moi importante. Actuar sobre o xa feito é o doado, o difícil é ter unha visión de conxunto das carencias do noso concello e ter un proxecto claro para actuar en consecuencia, e iso é do que carece o goberno municipal do PP.

A día de hoxe hai moitas rúas que necesitan un lavado de cara importante como por exemplo a Rúa 25 de Xullo, convertida nun funil; a Avenida de Santiago, camiño obrigado para os camións que deterioran reiteradamente o asfalto; a Avenida de América e calquera das súas transversais, a Rúa Varela Buxán ou calquera das travesías de Fernando Conde, a Rúa do Matadoiro, a Avenida da Torre, a Rúa do Muíño, etc, etc, etc. Como se pode observar, sobra onde facer actuacións, mais o PP volve sempre sobre os seus pasos, actuando sobre o xa feito.

Desde o BNG cremos que o noso concello, e en concreto a vila, ten tantas carencias, que pensamos que o importante é actuar sobre o prioritario, como por exemplo, pintar os pasos de peóns. E así como as casas empezan facéndose polos cementos, non polo tellado, o prioritario é desconxestionar o tráfico do centro antes de acometer peonalizacións, que o único que farían é aínda máis complicado a circulación pola vila.

Neste sentido, desde o BNG reiteramos a necesidade de abrir novas rúas, en concreto: prolongación da Rúa 25 de Xullo até as Colonias; prolongación da Rúa Antón Losada até a estrada de Pontevedra completando unha vía de circunvalación entre as colonias e o Pedregal; apertura da vía entre a estrada de Forcarei no entronque coa estrada de Ouzande e a avenida de Pontevedra conectándoa coa Rúa Fermín Bouza Brei. Estas propostas unha vez executadas, completarían unha trama viaria que contribuiría a desconxestionar o tráfico polo centro da vila e conformar un novo espazo urbano. Ademais, dotar a vila de máis zonas de aparcadoiro en superficie e mellorar e humanizar as existentes, así como de zonas verdes e zonas de esparexemento dispersas pola vila.

Isto son actuacións que o goberno municipal pode acometer, que son responsabilidade súa, só tería que buscar o financiamento para executalas. Outras, como a Variante, imprescindíbel para sacar o tráfico do centro da vila, depende da presión política do goberno municipal, mais tamén dos axentes sociais e sectoriais, que deberían facer unha fronte común para que esta infraestrutura sexa unha realidade.

Por outra parte, o noso rural tamén ten carencias importantes. Son moitas as vías que dependen do concello que están en moi mal estado, e o grave é que non hai no horizonte unha data para melloralas.

O concello da Estrada é moi grande, a metade da poboación vive no rural, e o goberno municipal do PP non só pode ter ollos para a vila, o rural tamén existe.