O concello ten que ser máis ambicioso ca Torre e o Pazo de Guimarei


No pleno do mes de maio a concelleira do BNG, Susana Camba, instou ao alcalde a actuar para paliar o deterioro da Torre e o Pazo de Guimarei, avisándoo de que o propietario deste Ben de Interese Cultural está incumprindo a lei que rexe para a preservación destes elementos patrimoniais, e no caso de non actuar para evitar o deterioro, o concello tería que pórlle unha denuncia.

No pleno de agosto, ante a insistencia da concelleira nacionalista, o alcalde confirma que o propietario da Torre e o Pazo de Guimarei acometerá melloras de consolidación, mais sen concretar datas nin prazos. No BNG estaremos vixiantes para que este anuncio non quede en saco baleiro, como tantos outros que fai o alcalde da Estrada.

Porén, desde o BNG cremos que o goberno municipal ten que ser máis ambicioso e non conformarse co lavado de cara que lle poida facer cada 20 anos (no mellor dos casos), e apostar pola inclusión destes elementos no patrimonio público do concello para a súa posta en valor posterior. Se se acometen as melloras necesarias a Torre e o Pazo de Guimarei ten todas as posibilidades de converterse nun dos mellores referentes turísticos do noso concello, mais o seu actual de abandono e deterioro deixa en moi mal lugar á Estrada e ao seu goberno.

Desde o BNG xa suxerimos en máis dunha ocasión que o concello pode buscar financiamento en varias administracións públicas, deputación, Xunta e mesmo o Estado, para que a Torre e o Pazo de Guimarei pasen a patrimonio público do concello. Só falta vontade política para coidar dos nosos bens culturais, do que é de todos e todas as estradenses, xusto do que carece este goberno.