O PP ten na súa man converter o antigo centro de saúde nun centro de día


Este xoves debátese no Parlamento Galego a iniciativa do BNG para solicitar ao goberno español a cesión do vello ambulatorio á Xunta para a posta en marcha dun centro de dia

Este xoves 16 debátese en comisión do Parlamento Galego a iniciativa do BNG que propón que a Xunta solicite do goberno español a cesión das instalacións do antigo centro de saúde da Estrada, coa finalidade de proceder á posta en marcha neste edificio dun centro de día”.

O edificio é propiedade do Ministerio de Traballo, que llo tiña cedido ao SERGAS para o fin citado, mais desde a posta en marcha do novo centro de saúde da Baiuca o edificio quedou en desuso e baleiro.

Desde o BNG consideramos que este edificio é idóneo para prestar un servizo público tan necesario para as persoas maiores, unha necesidade urxente e amplamente reclamada por parte de moitos veciños e veciñas. Permitiría ademais dinamizar a zona que o rodea desde, un punto de vista comercial e hostaleiro, moi afectada polo traslado do centro de saúde.

O concello da Estrada, tanto polo nivel de poboación como pola súa media de idade, precisa dun centro de día que permita prestar unha atención digna. Neste sentido, cómpre recordar que segundo os datos do IGE de xullo de 2020 o concello de A Estrada tiña unha poboación de 20.061 persoas, das cales 5.637 teñen máis de 65 anos, un 28% do total, das cales 1.143 tiñan máis de 85 anos.

A pesares desta situación, na actualidade no concello só hai un pequeno centro de día, situado na praza de abastos, reconvertida nun edificio de usos múltiples. A parte de pequeno, só acolle 20 usuarios, ten deficiencias importantes por mor dos problemas de construción da nova praza.

É máis que evidente que estas 20 prazas non son abondo para dar servizo a un servizo cada vez máis demandado pola poboación, cada vez máis avellentada.

Hai que recordar que en 2018 o Parlamento Galego aprobou unha iniciativa do BNG que instaba á Xunta a estudar a posibilidade de utilizar o vello ambulatorio con centro de día ou residencia. Polo tanto este xoves é o momento da verdade para o PP e para o alcalde. É o momento de demostrar se apostan por prestar servizos de primeira aos veciños e veciñas ou por parches. É o momento de demostrar se apostan por un modelo de servizos sociais públicos e de calidade ou deixan todo en mans privadas.