Total oposición do BNG á privatización da recollida do lixo


Susana Camba: “a privatización demostra que o goberno municipal do PP non é capaz de xestionar un servizo público; e se non é capaz, o lóxico é que tampouco cobre os soldos que cobra todos os meses, a empezar polo alcalde.

“Desde o BNG da Estrada reiteramos a nosa oposición total á privatización da recollida do lixo no noso concello, anunciada onte polo alcalde para principios de 2022”, afirma concelleira do BNG, Susana Camba. “Cremos que a medio prazo vai supoñer un prexuízo para os veciños e veciñas da Estrada en forma de peor servizo e incremento do recibo, por moito que o alcalde diga agora mesmo que iso non vai acontecer”, explica, “hai exemplos abondo noutras vilas e cidades que apuntan esa dirección”.

A concelleira nacionalista afirma que “as explicacións do alcalde para xustificar a privatización son absurdas e demostran unha vez máis a súa nula capacidade para dirixir un concello”. “Non se pode afirmar que non tiñan persoal dedicado á recollida e quedarse tan frescos, xa que se o concello non ten un cadro de persoal específico para este servizo é porque o goberno municipal do PP non quere”. “Hai persoas de sobra dispostas a traballar na recollida do lixo para o concello, o que falta é vontade política no goberno para facelo, xa que se deben a outros intereses privados”, afirma a concelleira nacionalista.

“O lamentábel”, engade, “é que a privatización é un feito consumado; así por exemplo, a xestión do punto limpo xa a leva GESECO desde hai meses, e xa non se estrañaría ninguén que o concurso da recollida do lixo acabara en mans desta empresa”.

“Por outra parte”, explica a concelleira do BNG, Susana Camba, “non se entende que o concello, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, renovaran contedores e a flota de camións, con cargo ao erario público, para que agora rematen en mans privadas”. “Isto é un roubo a todos os veciños e veciñas da Estrada”, afirma, “por moito que diga o alcalde que iría en descargo do abono do concello á empresa adxudicataria”.

A concelleira nacionalista reitera a incapacidade do goberno municipal, “de feito, a privatización demostra que o goberno municipal do PP non é capaz de xestionar un servizo público; e se non é capaz, o lóxico é que tampouco cobre os soldos que cobra todos os meses, a empezar polo alcalde.”