O BNG da pide unha segunda pasarela peonil para Río de Sapos en Matalobos


Río de Sapos (Matalobos)

O BNG da Estrada leva ao Congreso unha iniciativa para que o ministerio de transportes e axenda urbana coloque unha segunda pasarela sobre Río de Sapos en Matalobos.

Segundo explicou a concelleira do BNG, Susana Camba, “o tramo entre a vila e o Alto da Cruz, a través da N-640, é moi frecuentado por veciños e veciñas para pasear e facer deporte, sen embargo, en Río de Sapos cremos que é necesario colocar unha segunda pasarela para garantir a seguranza das persoas que fan ese percorrido”. “Hai que ter en conta que estamos a falar dunha estrada con moito tráfico, e se os peóns circulan pola parte dereita en dirección ao Alto da Cruz, teñen deixar a beirarrúa para pisar o asfalto da N-640, nun tramo de curva onde precisamente o ancho da beiravía é estreito e non garante a seguranza das persoas”, afirma a concelleira.

“No BNG cremos que é necesario investir en mobilidade para que as persoas circulen con seguranza polas nosas estradas”, explica a concelleira nacionalista, “o custe dunha segunda pasarela non é elevado para un Ministerio cun orzamento de miles de millóns de euros, e que por certo, no noso concello ten unha débeda histórica: a Variante”.

“Neste sentido”, engade a concelleira, “xa adiantamos que incorporaremos a segunda pasarela sobre Río de Sapos nas emendas aos orzamentos do Estado que se presentarán en poucos días”.