Cinco accidentes na N-640 ao seu paso pola vila que non contan para o ministerio de transportes


Susana Camba: “O ministerio estatal afirma textualmente que ‘no hay identificado ningún Tramo de Concentración de Accidentes’, unha afirmación que contrasta de xeito brutal coa realidade dos cinco accidentes rexistrados en 2019 na N-640 ao seu paso pola vila, un deles mortal”

En febreiro de 2020 o BNG da Estrada rexistrou a través do deputado Néstor Rego, unha serie de preguntas sobre os accidentes que se rexistraron na N-640 ao seu paso pola vila e a Variante.

Segundo explicou a concelleira do BNG, Susana Camba, “a resposta do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana non pode ser máis surrealista, nun organismo público que ten entre os seus obxectivos mellorar a mobilidade e a seguranza vial”. “O ministerio estatal afirma textualmente que ‘no hay identificado ningún Tramo de Concentración de Accidentes’, unha afirmación que contrasta de xeito brutal coa realidade dos cinco accidentes rexistrados en 2019 na N-640 ao seu paso pola vila, un deles mortal”, engade.

“Visto é que as noticias de provincias non chegan a Madrid”, explica a concelleira nacionalista, “e polo que se ve o alcalde da Estrada tampouco fixo nada para chamar a atención sobre o risco que supón a N-640 ao seu paso pola vila, e o que é peor, que non se agarda que vaia facer algo para mellorar a seguranza vial desta estrada que atravesa o noso concello”.

“Neste sentido”, explica Susana Camba, “como os accidentes que non ocorren dentro das radiais madrileñas non contan nin incomodan ao goberno do estado, remitiremos ao ministerio de transportes e mobilidade un dossier coa información da situación da N-640 ao seu paso pola vila, a ver se así se dan por informados, e insistiremos en que tomen medidas para poñer freo aos accidentes neste tramo da estrada”.

“Por outra parte”, afirma a concelleira do BNG, Susana Camba, “a respecto da Variante a resposta do Ministerio é burocrática e agardaremos uns días a coñecer os orzamentos de 2022 para facer unha valoración máis extensa”.