Menos pantallas e máis medios humanos e especialidades no centro de saúde da Estrada


A posta en marcha da chamada anónima no centro de saúde do noso concello, cremos que non é unha boa noticia para a xente maior, á que lle vai custar adaptarse a este novo aparello, así como á interpretación da codificación que leva aparellado. Con todo, agardamos que desde o SERGAS teñan unha plan de adaptación en marcha para facilitar ás persoas maiores o uso e interpretación deste novo aparello.

As e os doentes non somos un código nunha pantalla, temos nomes e apelidos. Entendemos que esta despersonalización non axuda en nada a termos unha sanidade pública de calidade e si cada vez máis afastada dos e das doentes, que en algún momento somos todos e todas.

En todo caso, se se quere mellorar a atención primaria no noso concello, hai que dotala de máis medios humanos, profesionais médicos e especialistas, con condicións laborais dignas, que sirvan tamén para desconxestionar o clínico de Santiago de Compostela.

Si, máis e mellores que medios que non só teñen que afectar ao centro de saúde da vila, senón tamén ao de Vea, que leva anos agardando unha mellora no acceso, ou ao de Codeseda, que non está atendido nin todos os días da semana nin en todas as épocas do ano (nadal e vacacións de verán). Iso si que sería unha avance e unha mellora significativa para a sanidade pública do noso concello.