O asfaltado estrada PO-214 entre Baloira e Pontecesures é un remendo que non tapa a miseria


Santa Mariña

Susana Camba: “Este remendo non tapa a miseria dunha estrada moi deteriorada, imprescindíbel para os veciños e veciñas das de Barcala e Santa Mariña e clave para as comunicacións do noso concello coa Barbanza”

Este domingo o alcalde da Estrada presumía nos medios de comunicación do asfaltado da estrada PO-214, entre Baloira e Pontecesures. Sen embargo, como indica ca concelleira do BNG, Susana Camba, “do que se trata máis ben é dun pequeno parche de apenas 3 quilómetros nunha estrada que ten problemas no firme durante os 16 quilómetros de percorrido”.

“O que fixo a Xunta do PP, co aplauso do alcalde, é un pequeno remendo, -necesario, iso si-, que afecta exclusivamente ao tramo da parroquia de San Xurxo de Vea”, afirma a concelleira, “deixando o resto até Pontecesures como estaba, é dicir, unha tomadura de pelo”.

“A isto hai que engadirlle tamén que a corta dos grandes eucaliptos que había nas marxes só se fixo unha parte, até Santa Mariña”, explica Susana Camba, “a partir de aí todo quedou como estaba, e os problemas que xeraban estas enormes árbores durante os temporais seguirán producíndose, deixando a estrada intransitábel”. “O dito”, engade a concelleira nacionalista, “un remendo da Xunta e do alcalde da Estrada que non tapa a miseria dunha estrada moi deteriorada, imprescindíbel para os veciños e veciñas das de Barcala e Santa Mariña e clave para as comunicacións do noso concello coa Barbanza”.

Segundo indicaba o alcalde da Estrada, o arranxo do resto da Estrada iríase facendo ao longo dos vindeiros anos, algo que para Susana Camba “condena a PO-214 quedar impracticábel; hai que recordar que o BNG pediu a retirada dos eucaliptos en 2017 e a mellora do trazado desta vía en 2018; estamos en 2021 e o alcalde tráenos un remendo e anuncios”.

“A PO-214- volve ser un exemplo máis da política de titulares de prensa”, afirma a concelleira nacionalista, “que queda lonxe da política de solucións que precisan as veciñas e veciños da estrada; ao alcalde non o votou a veciñanza para ser un dos mellor pagados, votouno para solucionar problemas”.

“Por iso pedimos ao alcalde que se tome en serio a mellora desta estrada”, afirma a concelleira do BNG, “os veciños e veciñas do noso concello merecen unha infraestruturas dignas, que para algo pagan impostos”.