MarchamosPolaTorre. O BNG márcase como obxectivo rescatar a Torre e o Pazo de Guimarei


Susana Camba: “O noso obxectivo é que estes elementos patrimoniais pasen a dominio público, porque se non coidamos e aprendemos do pasado non podemos ter futuro”

O BNG da Estrada inicia unha campaña reivindicativa que ten por obxectivo recuperar a Torre e o Pazo de Guimarei. Este primeiro acto da campaña foi unha andaina nocturna desde a praza do concello como punto de partida, até a Torre de Guimarei. Segundo explicou a concelleira do BNG, Susana Camba, “esta andaina nocturna é para poñer en evidencia o ocultamento o desleixo do goberno do PP co noso patrimonio que esmorece no medio das silvas”.

“Todo o mundo se escandalizou ou se escandaliza cando os talibáns derruban esculturas milenarias do seu país porque disque non casaban coas súas crenzas, e aquí no noso concello temos un goberno municipal talibán que tamén despreza a nosa historia e a nosa cultura”, afirma a concelleira nacionalista, “o PP é máis de cemento, sen embargo non se atreve a derrubar o noso patrimonio, mais non ten reparo en deixalo caer”.

“Fronte a este abandono do PP, hai veciños e veciñas que xa están fartas deste pasotismo do PP”, engade, “hai millóns de euros para facer unha alameda de cemento armando, pero disque non ten un can para rescatar a Torre e o Pazo de Guimarei”.

“En política non hai nada imposíbel”, afirma, “desde o BNG xa propuxemos en algunha ocasión que o concello busque financiamento nas distintas administracións (Deputación, Xunta e Estado) para rescatar estes elementos patrimoniais, porén ao alcalde o que lle falta é vontade política, quere que llo dean todo feito, é un goberno títere en mans de consultoras privadas que só miran polo seu peto”.

Esta andaina nocturna non será o último acto que faga o BNG en relación á Torre e o Pazo de Guimarei, “haberá máis”, afirma a concelleira do BNG, Susana Camba, “porque o noso obxectivo é que estes elementos patrimoniais pasen a dominio público, como corresponde a unha referencia tan emblemática do noso concello, patrimonio histórico e elemento de atracción turístico e cultural; porque se non coidamos e aprendemos do pasado non podemos ter futuro”.