BNG da Estrada presenta emendas aos orzamentos do Estado por 11.300.000 euros.


Susana Camba: “Investir na Variante e en seguranza vial son imprescindíbeis para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas; non se entendería que PSOE e Unidas Podemos votasen en contra outra vez, como seu momento fixo o PP”

O BNG da Estrada rexistrou, a través do deputado nacionalista Néstor Rego, emendas aos orzamentos do Estado de 2022 por valor de 11.300.000 euros. A organización nacionalista pon o foco na mellora das infraestruturas do concello da Estrada, e en concreto na Variante, que leva a maior contía das emendas presentadas polo BNG, 10 millóns de euros.

Segundo explicou a concelleira do BNG, Susana Camba, “para o BNG esta infraestrutura é clave para o desenvolvemento socio-económico do concello, e queremos darlle o empuxón definitivo que a poña a andar. “Xa non valen escusas de mal pagador”, explica, “o noso concello necesita desta infraestrutura, non é recibo que centos de coches e camións atravesen a vila a diario sobre 17 pasos de peóns”.

“Por outra parte”, engade a nacionalista, “tamén presentamos emendas por 500.000 euros para mellorar a seguranza vial da N-640 ao seu paso polo centro da vila”. “Entendemos que é necesario investir na seguranza dos veciños e veciñas”, afirma, “os accidentes poden evitarse”. “Ademais”, explica Susana Camba, “queremos engadir unha segunda pasarela de peóns en Río de Sapos, para iso, presentamos unha emenda de 200.000 euros, e mellorar o enlace da N-640 con Guimarei-Cereixo e Vinseiro (300.000 euros), así como a mellora do acceso á AP-53 no Alto da Rocha (300.000 euros), un asunto no que o BNG leva insistido desde hai anos, e que de executarse facilitaría aos vehículos pesado o acceso a autoestrada de Ourense”.

“Como se pode observar”, afirmou a concelleira do BNG, “as emendas que presentamos son razoábeis e suporía un investimento en seguranza e mellora en calidade de vida para os veciños e veciñas da Estrada. “Non se entendería que PSOE e Unidas Podemos aplicaran o rolete como fixeron o ano pasado votando en contra da Variante e en contra de medidas de seguranza vial”, engade.