PSOE e UP demostran unha vez máis a súa insensibilidade coas necesidades do noso concello


É un erro que ambos partidos teimen en frear o desenvolvemento social e económico do noso concello rexeitando a Variante e outras demandas das veciñas e veciños

O deputado do PP, Juan Constenla, amosa máis interese pola Policía Nacional que polas necesidades das veciñas e dos veciños da Estrada.

O BNG fica só en Madrid en defensa dos intereses dos veciños e veciñas da Estrada.

Hai poucas semanas o BNG rexistraba unha iniciativa no Congreso, a través do deputado Néstor Rego, para dotar dunha nova pasarela a estrada N-640 ao seu paso por Río de Sapos en Matalobos. Desde o noso punto de vista, así como de veciñas e veciños, faise necesaria esta infraestrutura para que as persoas que circulen polo lado dereito (en dirección Cuntis) desta estrada non teñan que pisar a N-640 para non poñer a súa vida en perigo, nun tramo en curva onde a beiravía se reduce notabelmente.

Mais unha cousa é o que pensan as veciñas e veciños e outra o que pensa o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do goberno de PSOE e Unidas Podemos, xa que, en resposta ao BNG, este organismo considera suficiente a única pasarela existente para garantir a seguranza das persoas que circulen pola N-640.

Hai poucos días desde o BNG dabamos conta tamén doutra resposta do ministerio citado onde afirmaban que “no hay identificado ningún Tramo de Concentración de Accidentes” na N-640 ao seu paso pola vila, a pesar de terse rexistrado varios atropelos, un deles mortal.

Non á Variante

A pesar de que o BNG fixo unha forte aposta pola Variante nas emendas aos orzamentos do Estado de 2022, dotándoa con 10 millóns de euros, os partidos que sosteñen o goberno central votaron, unha vez máis, en contra da Variante da Estrada. É un erro que ambos partidos teimen en frear o desenvolvemento social e económico do noso concello, relegando esta infraestrutura ao ostracismo, como no seu día fixo tamén o PP. Ademais é un erro maiúsculo, porque ao noso entender esta infraestruturas limitaría o tráfico que atravesa a vila e polo tanto limitaría tamén o número de accidente, alén de que o Ministerio tomara outro tipo de medidas de seguranza vial, cousa que tamén rexeitaron ao votar en contra das emendas do BNG.

O goberno de PSOE e Unidas Podemos é un goberno insensíbel, que vive fóra da realidade e afastado das necesidades das persoas, e en concreto das necesidades das veciñas e veciños da Estrada.

A Constenla preocúpalle máis a Policía que A Estrada

A isto temos que engadir que, a pesar de que A Estrada ten un deputado no Congreso, o Sr. Juan Constenla Carbón, concelleiro tamén do PP, este tampouco amosou excesivo interese polas necesidades do noso concello. Xa non é só porque a súa actividade en Madrid se limite ao mínimo (apenas tres intervencións), senón que ningunha delas é referida o noso concello, e, iso si, amosa moito interese pola situación da Policía Nacional, cousa que na Estrada non temos.

En resumo: que unha vez máis se demostra que o BNG fica só en Madrid en defensa dos intereses dos veciños e veciñas da Estrada.