A nova rotonda da N-640 para dar acceso ao Mercadona converterá esta estrada nun funil


Pedimos ao alcalde que dea un trato preferente ás demandas das veciñas e dos veciños, no canto de mimar e mirar polos intereses dunha grande empresa privada.

Para que se instale na Estrada unha nova área comercial todo son facilidades, só hai que ver a rotonda que facilitará os desprazamentos ao Mercadona. Porén os veciños e veciñas de Guimarei, Cereixo e Vinseiro terán que seguir agardando pola mellora do acceso á EP-7016, desde a N-640, preto das Colonias.

A alfombra vermella que se lle estende desde o goberno municipal a está área comercial contrasta co abandono desta parte do concello, a pesar das demandas veciñais e do acordo unánime do pleno aprobando para mellorar este acceso. De feito, o alcalde mantivo en 2018 -diso xa hai tres anos – con responsábeis da Deputación onde se tratou este asunto, mais desde aquela nada se soubo.

Pedimos ao alcalde que dea un trato preferente ás demandas das veciñas e dos veciños, no canto de mimar e mirar polos intereses dunha grande empresa privada.

Unha rotonda pequena que dará problemas

Desde o BNG entendemos que a rotonda recentemente construída na N-640 ten un ancho escaso, especialmente para os vehículos pensados (camións e autobuses). De feito, xa se poden ver as rodeiras por enriba das marxes da rotonda, o que demostra que é unha tramo difícil de manobrar para uns vehículos destas dimensións.

Por outra parte, vemos tamén que esta rotonda converterá a N-640 nun funil en canto o Mercadona entre en funcionamento, así como se ocupen as vivendas da urbanización que leva aparellada esta área comercial. Así, se xa é complicado atravesar un casco urbano con 17 pasos de peóns e 9 semáforos, agora engadímoslle unha rotonda funil, que converterá nunha odisea atravesar o casco urbano.

Se xa é importante termos unha Variante para desconxestionar o centro urbano, en canto entre en funcionamento o Mercadona e as vivendas converterase nunha necesidade imprescindíbel. Porén o goberno municipal do PP non amosa maior interese en dotar o noso concello dunha variante que desde o BNG consideramos clave para o desenvolvemento social e económico do noso concello.

Instamos ao alcalde a anticiparse aos problemas e liderar esta demanda histórica do noso concello. É polo ben dos veciños e veciñas da Estrada.