Unha vez máis o centro de saúde da estrada sen persoal sanitario suficiente en urxencias


O alcalde da Estrada pode presumir de ter un centro de saúde que queda moi ben nas fotos, mais os problemas crónicos do anterior aí seguen, e non é quen de mover un dedo para solucionalos

A Estrada ten un centro de saúde moderno e dotado da última tecnoloxía punta, mais a pesar destes adiantos, segue cos mesmos problemas crónicos co anterior, isto é, a falta de profesionais sanitarios para atender o servizo de urxencias.

Este sábado 1 de xaneiros, os veciños e veciñas da Estrada volveron a atoparse cun servizo de urxencias infradotado, e o que é peor, durante varias horas quedou sen un dos dous médicos que atenden este servizo por mor dunha urxencia.

E todo isto ocorre en plena pandemia, cos contaxios desatados no noso concello, o que provocou o colapso do servizo de urxencias, e obviamente do persoal, tanto profesionais sanitarios como administrativos.

O alcalde da Estrada pode presumir de ter un centro de saúde que queda moi ben nas fotos, mais os problemas crónicos do anterior aí seguen. O triste e preocupante é que temos un alcalde que só de preocupa das pequenas cousas, de atender os caprichos das grandes empresas, deixando de lado os grades problemas que afectan a todos os veciños e veciñas da Estrada, a empezar por un servizo público de saúde de calidade.

Aínda hoxe, e a pesar das tráxicas situacións que se viviron non hai moitos meses no PAC da Estrada, o noso alcalde non foi quen de levantar a voz contra un goberno da Xunta insensíbel, que presume de facer máis con menos, mais as consecuencias desas políticas desastrosas están aí e teñen consecuencias.

Instamos ao alcalde da Estrada a reivindicar diante do goberno do PP máis medios humanos suficientes para o centro de saúde da Estrada. Non é de recibo a pasividade do noso alcalde.