É o momento de dar un golpe de timón á política económica para non baixar dos 20.000 habitantes


Imos costa abaixo e sen freos, un feito que é palpábel na rúa e que é vox populi, só hai que ver o elevado número de baixos comerciais pechados que hai na vila ou o abandono do rural para ver que algo non vai ben.

En 2018 o BNG da Estrada alertou sobre a perda continua de poboación no noso concello, que nos levaría a baixar dos 20.000 habitantes. Se daquela estabamos preto, hoxe estámolo aínda máis de baixar a barreira demográfica que terá consecuencias importantes para o concello, tanto a nivel económico como social.

Unha das primeiras repercusións será nos ingresos que recibe o concello de distintas administracións, entre elas o PIE (Participación nos Ingresos do Estado). Se baixamos dos 20.000 habitantes, e estamos moi preto de baixar de categoría, o concello percibirá menos ingresos por este concepto. Segundo a FEGAMP en 2016 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes, entre os que se atopa A Estrada agora mesmo, percibiron 205 euros por habitante, mentres que os concellos de 5.001 a 20.000 habitantes percibiron 188 euros por habitante. As contas están claras.

Imos costa abaixo e sen freos, un feito que é palpábel na rúa e que é vox populi, só hai que ver o elevado número de baixos comerciais pechados que hai na vila ou o abandono do rural para ver que algo non vai ben.

Sen embargo, fronte a este importante repto, a resposta do goberno municipal do PP son o “baby box” e unha alameda de cemento, como proxectos revolucionarios. Os datos do INE deixan claro que ningunha das dúas medidas frearán a caída de poboación, se non se toman outras de maior calado.

O descenso continuo de poboación débese a inexistente política económica do goberno municipal do PP; non teñen proxecto, só fan aquelo que lle propoñen desde algunha consultora ou desde algunha empresa, como o proxecto estrela deste Nadal, consistente en na posta a disposición da veciñanza dun coche eléctrico. É evidente que tampouco será un revulsivo demográfico.

É o momento de dar un golpe de timón á política económica; a construción dunha nova Alameda non nos vai salvar de baixar de categoría, o que nos pode salvar é a construción de solo industrial público. Elevar a actividade económica no noso concello é clave para evitar que os veciños e veciñas se busquen a vida noutras latitudes. Tamén é importante que se poida vivir e traballar no rural, onde os veciños e veciñas teñan os mesmos servizos que na vila. Hai que abrir novas rúas no casco.

Mais esta perda de poboación tamén é debido á política económica suicida do PP na Xunta de Galiza, especialmente a que atinxe aos nosos sectores produtivos básicos, así como a política urbanística ditada pola Xunta do PP, que impide construír no rural, e polo tanto, asentamento de poboación neste medio, e que o goberno municipal copiou ao pé da letra, expulsando a centos de veciños ás grandes cidades onde as construtoras fan o seu agosto.