Néstor Rego pide no Congreso a cesión do antigo ambulatorio da Estrada para un centro de día


Susana Camba, Néstor Rego e Xoán Carlos Villanueva

O deputado do BNG reclama ao Ministerio de Seguridade social que comece as xestións necesarias para ceder as instalacións para que a Xunta de Galiza leve a cabo este proxecto

“O envellecemento da poboación do noso concello evidencia a urxente necesidade de garantir prazas públicas suficientes para dar cobertura e un servizo adecuado aos veciños e veciñas da Estrada” sinala a concelleira do BNG, Susana Camba.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acompañado de Susana Camba, concelleira na Estrada e de Xoan Carlos Villanueva, membro do consello local, fixeron pública hoxe a iniciativa rexistrada na que se exixe ao Goberno do Estado a cesión das instalacións do antigo centro de saúde da Estrada. Para a organización nacionalista, o inmóbel, propiedade do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, atópase sen uso e debería cederse para rehabilitalo e pór en marcha un centro de día por parte da Xunta de Galiza, servizo necesario para o conxunto da veciñanza no municipio.

O edificio, situado na Avenida de Santiago, foi cedido ao SERGAS até finais de 2020 para albergar o Centro de Saúde da Estrada. Na actualidade, o inmóbel, propiedade do Ministerio de Seguridade Social, atópase baleiro e sen un uso despois de que a Xunta solicitara a desafectación e a reversión e deixara de prestar servizos sanitarios.

“As instalacións deben seguir a empregarse para fins públicos” comeza a súa intervención o deputado nacionalista no Congreso. Néstor Rego sinala que, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, 28% total da poboación estradense ten máis de 65 anos o que supón que máis de 5.000 habitantes poderían gozar dun servizo necesario no concello da Estrada. “A situación do inmóbel é a idónea e goza de boas condicións para convertelo nun centro de día” reforza o deputado do BNG.

A día de hoxe, esta poboación só conta cun pequeno centro de día que dá servizo a tan só 20 persoas usuarias e que, ademais, ten deficiencias importantes por mor dos problemas de construción da nova praza. “Resulta evidente a necesidade de incrementar a oferta, pois as prazas existentes non son suficientes para cubrir a demanda e dar un servizo público, adecuado e de calidade ao conxunto da poboación estradense” indica a concelleira do BNG na Estrada, Susana Camba.

Na súa iniciativa, o BNG reflexa o sentir popular da poboación da Estrada e reclama ao Ministerio que comece as xestións e trámites precisos para efectuar a cesión destas instalacións. “Pór en marcha neste edificio un novo centro de día, por parte da Xunta de Galiza, brindaría á poboación estradense dun servizo necesario con prazas suficientes” subliña o deputado nacionalista.

Alén do máis, cabe destacar que dando un novo uso a estas instalacións “lograríase tamén dinamizar a zona que o rodea, revitalizándoa do punto de vista comercial e hostaleiro”, pois os estabelecementos desta parte da Estrada víronse moi afectados polo traslado do centro de saúde e a consecuente redución do tránsito de persoas.