Non é a Lei do Solo, é o PXOM do PP o que impide o tendido aéreo de fibra


Poste con cable de fibra óptica

Susana Camba: “O alcalde terá que buscar unha solución a este problema que impide levar a fibra a todos os núcleos do rural.”

Ante un problema causado polo propio PP, o alcalde non pode buscar culpábeis fóra, terá que buscar solucións

Os medios de comunicación local recollían no día de onte declaracións do Alcalde onde afirmaba que a lei do solo impedía levar a fibra óptica por vía aérea (con postes), obrigando a facelo mediante soterramento. “Isto é radicalmente falso”, afirma a concelleira do BNG, Susana Camba. “o problema está no PXOM, que aprobou o PP”. “A lei do solo 9/2002, na que se basea o noso planeamento urbanístico recolle textualmente (páxina 34) que «poderá prohibir os tendidos aéreos e prever o soterramento dos existentes»”, engade, “e como se pode comprobar non obriga como di o alcalde”.

“Porén”, explica a concelleira nacionalista, “o plan xeral aprobado polo PP di textualmente (páxina 137) no artigo 133, apartado D, do tomo V, que «nos solos clasificados como Núcleos Urbanos ou Rurais e nos ámbitos de protección de elementos catalogados, será obrigado o soterrado das liñas de telecomunicacións, telefonía e liñas eléctricas de baixa tensión para todas as que se constrúan deica en diante»”.

“E non só iso”, indica a concelleira do BNG, “senón que engade o seguinte: «as xa existentes que incumpran con este requisito deberán adaptarse preferentemente denantes de transcorridos cinco anos desde que se aprobe o presente PXOM, ben procedendo ao soterrado, ben modificando o seu trazado para cumprir coa esixencia, establecendo os acordos precisos (tanto no aspecto económico, como no de prazos) coa compañía subministradora».”

“É dicir, o alcalde mente e bota balóns fóra, como fai sempre”, afirma Susana Camba, “e non só iso, senón que o grave é que o concello da Estrada está a incumprir a súa propia normativa urbanística, porque xa pasaron máis de cinco da aprobación do PXOM e a día de hoxe non se fixo nada para soterrar as liñas de telefonía ou eléctricas”.

O alcalde ten que buscar unha solución para levar a fibra a todo o rural

A concelleira nacionalista, Susana Camba, afirma que “ante un problema causado polo propio PP, xa que como vemos a Lei do Solo non obrigaba a ser máis papista que o Papa, o alcalde non pode buscar culpábeis, terá que buscar solucións para levar a fibra a todos aqueles núcleos como Vilancosta, Torreboredo ou Ribeira nos que non hai tendido telefónico anterior”.

“O que está claro é que o PP aprobou un PXOM para baleirar o rural”, indica a concelleira, “a súa pretensión foi e é concentrar a poboación na vila a costa de negarlle servizos ao rural. Sempre apostou por unha política urbanística que prima a expectación pero non o servizo público”.

“Por outra parte”, engade a concelleira, “está ben que o alcalde presuma de que A Estrada Dixital pode prover fibra e telefonía móbil, mais esquécese mencionar que iso acontece grazas á proposta do BNG aprobada no padroado da Fundación Cultural”. “No BNG entendiamos que era o paso lóxico para evitar a desaparición dunha entidade, que tivo e ten un papel importante no espallamento do acceso a internet no noso concello, nun contexto de forte competencia con empresas privadas.”