Susana Camba responde as graves acusacións do alcalde


Xosé Magariños, Susana Camba e Fina Pereiras. Arquivo.

En primeiro lugar, as mulleres somos libres, ninguén fala por nós. O alcalde debería telo claro, pero declaracións como as que fixo o pasado xoves, pon en evidencia que hai moito que facer en temas de igualdade. De nada serve iluminar o concello de violeta se non se asumen cuestións elementais como estas.

O alcalde pode dicir o que queira, mais é o PXOM o que prohibe os tendidos aéreos. Efectivamente a prohibición destes elementos está recollido na Lei do Solo de 2010, mais non na de 2016, que é a que está en vigor, que di expresamente que “o planeamento poderá prohibir os tendidos aéreos e prever o soterramento dos existentes. En todo caso, deberán soterrarse as redes de servizos dos novos desenvolvementos residenciais e terciarios”, artigo 43, apartado 5 da Lei 2/2016.

Esta é a lei que está en vigor, e polo tanto queda claro, que non prohibe. O que prohibe os tendidos aéreos é o PXOM. Por que? Porque o PXOM é unha norma de rango inferior á Lei do Solo, pero nesta cuestión non entra en contradición co que di a Lei do Solo 2/2016, que deixa aberto a criterio dos concellos permitir ou non os tendidos aéreos; e neste caso o noso concello prohíbeos no planeamento urbanístico, e é polo que hai que rexerse.

Sinceramente non entendo a teima do Alcalde de botar balóns fóra. Non pasa nada por dicir que é o PXOM o obstáculo para levar a fibra a determinados núcleos. De feito, soterrar o tendido aéreo de telefonía e baixa tensión é o correcto. Sabemos que non é barato facelo, pero é máis ordenado, racional e estético. De feito, é curioso que na parroquia de Aguións hai tramos de fibra soterrada.

O alcalde ten que buscar unha solución para levar a fibra todos os núcleos rurais do concello, entre eles a Vilancosta, Torreboredo ou Ribeira. Unha posíbel solución pasa por modificar o PXOM para adaptalo á lei en vigor. Mais no BNG cremos máis oportuno que o goberno municipal elabore un plan para soterrar as liñas de telefonía e baixa tensión en todo o rural, tal e como recolle o PXOM, e empezar obviamente por aqueles núcleos que necesiten xa o tendido telefónico para a fibra. No canto de estar botando balóns fóra e arremeter contra o BNG, o alcalde debería estar a traballar no plan e na procura de financiamento para executalo.

Por outra parte, non se entende os cambios de criterio da Xunta do PP con esta cuestión. En 2002 deixa a criterio dos concellos prohibir os tendidos aéreos. En 2010 prohíbeos expresamente, para en 2016 volver ao punto de partida de 2002. Isto si é un disparate e demostra a falta de criterio do PP nunha cuestión como o urbanismo onde o que debería prevalecer é a estabilidade a corto e medio prazo, o que evitaría situacións como esta.

Por último, quero darlle un consello ao alcalde: antes de emitir unha opinión contra o BNG conte até 10 e contrástea con quen sabe, a fin de contas eu son unha simple concelleira da oposición, pero vostede é o alcalde, e non queda ben dicir cousas ao chou para quitarse as responsabilidades de enriba.