O alcalde ten que buscar unha alternativa ao aparcadoiro de camións da Avenida de Pontevedra


Camións aparcados na Avenida de Pontevedra

Susana Camba: “Desde a urbanización da Avenida de Pontevedra os camioneiro non teñen onde deixar os seus vehículos; necesitan unha nova localización que sexa segura”.

“Desde que se construíu a rotonda e o carril de servizo para o futuro acceso á urbanización do Mercadona na Avenida de Pontevedra son moitos os camioneiros que nos teñen comentado que xa non teñen onde aparcar os seus vehículos”, afirma a concelleira do BNG, Susana Camba, “e vense na obriga de buscar novas localizacións, que non son as axeitadas para este tipo de vehículos, arriscándose a multas e sobre todo arriscando a seguranza do vehículo e a mercancía”.

A concelleira do BNG explica que “seguramente a Avenida de Pontevedra non era o espazo ideal, mais era ancho, estaba ben situado e iluminado, e, en todo caso, era o mellor que tiñan”. “Agora nin iso”, engade.

Susana Camba indica que “calquera veciño ou veciña que pasara pola Avenida de Santiago non lle pasaban inadvertidos os camións aparcados da Avenida de Pontevedra, especialmente na fin de semana, o que demostra que estamos a falar dunha necesidade á que o goberno municipal ten que poñer remedio, especialmente agora que alí xa non se pode aparcar”.

“Por isto, insto ao alcalde a atopar unha localización alternativa para que os camioneiros poidan aparcar os seus vehículos dun xeito seguro”, afirma, “é unha necesidade clara á que o goberno municipal ten que dar resposta”. “Un camión é unha ferramenta de traballo moi cara, e os transportistas, moitos deles autónomos, hipotecan a súa vida para ter este medio de vida e este traballo, que, por outra parte, é clave na sociedade que vivimos”. “Insistimos”, engade a concelleira do BNG, “o goberno municipal non pode mirar para outro lado, ten que buscar unha solución e unha alternativa para o aparcamento dos camións”.