O BNG lanza en Codeseda a proposta dos «Núcleos de Centralidade Parroquial»


Carballeira da Sagrada, Codeseda

O rural é algo máis que asfaltados, hai espazos que xa existen, sobre os que pivota a actividade social das parroquias, que necesitan melloras e coidados por parte do goberno municipal

O BNG da Estrada lanza unha campaña para poñer en evidencia a falta de investimentos e a falta de preocupación do goberno municipal do PP polo rural. “Non pode ser que o alcalde concentre todas as actuacións na vila, deixando o resto do noso concello, á marxe dos investimentos, veñan estes da Xunta, da Deputación ou dos fondos europeos como a EDUSI”, explica ca concelleira do BNG, Susana Camba.

“O rural é algo máis que asfaltados”, afirma. “No rural estradense hai puntos onde se concentra a actividade social das parroquias e a nosa proposta é que o goberno municipal os poña en valor, rehabilitándoos e dotándoos de servizos para uso e desfrute de veciños, veciñas e asociacións que traballan nas parroquias”. “Son o que denominamos no BNG, «Núcleos de Centralidade Parroquial»”, explica Susana Camba, “espazos que xa existen, sobre os que traballa diario a veciñanza, pero que necesitan ao noso entender unha mellora e un coidado por parte do goberno municipal”.

“A carballeira da Sagrada na parroquia de Codeseda é un deses puntos”, indica a concelleira nacionalista, “seguramente o máis singular, xa que no seu día acolleu unha importante feira e hoxe como entón é o núcleo sobre o que pivota toda a actividade social de Codeseda e de todas as parroquias do arredor”. “Por outra parte”, engade a concelleira, “a carballeira da Sagrada é un espazo singular polo valor patrimonial (o cruceiro e a igrexa) e natural (a carballeira centenaria) que encerra, que temos que protexer e coidar, pero sen descoidar os servizos que necesitan os veciños e veciñas”.

“Neste caso en concreto da Sagrada”, engade a concelleira nacionalista, “é urxente a rehabilitación e limpeza do cruceiro, a poda das árbores centenarias, arranxo do palco, a posibilidade de reutilización dalgunha das casas da contorna como espazo social, limpeza da carballeira e outras melloras”. “Son actuacións que non necesitan un gran investimento, mais a mellora e o cambio serían notorios; pero claro, hai que ter vontade política”, explica Susana Camba.

“Cremos que o goberno municipal ten que traballar sobre estes espazos que denominamos «Núcleos de Centralidade Parroquial», elaborando proxectos de mellora, conxuntamente cos veciños e veciñas”, afirma a concelleira do BNG.