Urxe unha solución ao cruce da PO-2016 que vai a Guimarei, Cereixo e Vinseiro


Susana Camba: “Non cuestionamos a necesidade de pintar unha raia continua desde a Baiuca ás Colonias, pero incrementou os problema do acceso á PO-2016”

A raia continua que nestes días debuxou o Ministerio de Transportes desde a Baiuca á rotonda das Colonias deixa aínda máis complicado o acceso á PO-2016.

Segundo explicou a concelleira do BNG, Susana Camba, “non cuestionamos a necesidade de pintar a raia continua nese tramo, xa que as circunstancias coa instalación do Lidl así o recomendan, mais esa raia continua faille a vida moi complicada aos veciños e veciñas de Guimarei, Cereixo e Vinseiro, coller esa estrada se van das Colonias á vila pola PO-640”. “A complicación dese acceso xa existía antes”, explica a concelleira nacionalista, “mais á altura da Lennon había raia descontinua e moitos veciños e veciñas xiraban nese tramo, pero agora xa non se pode”.

“En reiteradas ocasións instamos ao alcalde a mellorar ese acceso”, afirma Susana Camba, “mais logo duns tímidos intentos coa Deputación, nada máis se soubo e pasou o que sempre pasa cando o alcalde non fai nada por solucionar os problemas dos veciños e veciñas: complícanse!”.

“Por iso volvemos a instar ao alcalde a aportar unha solución a ese cruce”, engade a concelleira do BNG, “non pode ficar de brazos cruzados, mentres os veciños e veciñas sofren as consecuencias da súa pasividade”. “É urxente que pete nas portas do Ministerio e da Deputación para que poñan enriba da mesa unha solución, os veciños e veciñas non poden seguir agardando por máis tempo”, afirma.

“Por outra parte”, indica a concelleira do BNG, Susana Camba, “estamos unha vez máis ante unha proba da falta de planificación do goberno do PP; fanse proxectos sen ter en conta as afeccións posibeis ao tráfico, a mesma situación que se está a dar coas obras na praza da feira e na rúa principal; o PP provocou unha situación polo que a veciñanza da vila que viva nas rúas Fernando conde, Gradín, Cañoteira, etc que queiran ir cara a PO 2016 teranse que desprazar cara a outra punta da vila para poder tomar este vial. O exemplo do desgoberno do PP”.