O roteiro que discorre por detrás dos pavillóns é unha trampa


Segundo explicou a concelleira do BNG, Susana Camba, “a parte do refugallo que está claramente á vista no que se perciben todo tipo de desperdicios, o máis grave son os sumidoiros completamente abertos e sen tampa”. “Isto é unha trampa para as persoas que utilicen este roteiro”, afirma a concelleira, “e insto ao goberno municipal a arranxalo o antes posíbel antes de que ocorra algunha desgraza”.

“Ademais dos desperdicios e os sumidoiros sen tampa”, engade a concelleira, “pode atoparse case de todo, como un plástico de grandes dimensións, que deixa claro que o concello non fai mantemento para manter o roteiro en condicións dignas.” “Este roteiro non é un paseo entre ás árbores e a natureza, é un paseo entre o lixo, e por enriba é un paseo de risco”, afirma.

Por outra parte, a concelleira do BNG tamén denuncia, o escaso respecto pola natureza que tivo o concello á hora de abrir este roteiro, “cónstanos que cortaron carballos, que aínda que non son centenarios, estaban en fincas privadas e non avisaron aos propietarios ou propietarias, deixando os restos tirados nunha silveira”.

“O goberno de López é un goberno trapalleiro, que vai de chapuza en chapuza como un neno pequeno de charco en charco”, afirma a concelleira nacionalista, “e instamos que con urxencia arranxe os graves defectos deste roteiro, en especial a tapa dos sumidoiros, que se atopan no traxecto do roteiro.”