A Xunta construirá un centro ictioxénico no Xirimbao a poucos quilómetros doutro abandonado


Centro ictioxénico entre Couso e Cora

Susana Camba: “a Xunta de Manuel Fraga construíu un centro ictioxénico que custou 600.000 euros e que nunca chegou a funcionar, nunca se puxo en marcha, e o que é peor, acabou sendo desmantelado polos amigos do alleo”

A Estrada, 18 de marzo de 2022: A Xunta acaba de lanzar o Proxecto Mil Ríos para mellorar un total de 470 quilómetros de 50 cursos fluviais, entre eles o do Ulla. Desde o BNG a concelleira do BNG, Susana Camba, explicou que “a iniciativa da administración autonómica ten aspectos positivos que permitirán restaurar os nosos ríos, incrementar a biodiversidade e sobre todo, eliminar especies invasoras das marxes dos ríos”.

“Sen embargo, hai algo que nos preocupa”, afirmou, “a Xunta prevé a construción dun centro ictioxénico no Xirimbao, en Couso”. “Temos que recordar”, explica a concelleira, “que nesta mesma parroquia, a poucos quilómetros, a Xunta de Manuel Fraga construíu un centro ictioxénico que custou 600.000 euros e que nunca chegou a funcionar, nunca se puxo en marcha, e o que é peor, acabou sendo desmantelado polos amigos do alleo”.

A concelleira do BNG, Susana Camba, engadiu que “a idea é boa e seguramente a intención tamén, mais o que non pode ser é volver a tirar nunha silveira miles de euros, construír un parapeto para logo quedar en desuso até que acabou desmantelado. En Couso xa había un centro ictioxénico que custou miles de euros que nunca funcionou, agora non pode pasar o mesmo”. “Non están os tempos para tirar cos cartos”, afirma. “A Xunta ten que dar garantías de que se poñerá en marcha este proxecto, os ánimos dos veciños e veciñas non están para que se tiren novamente os cartos de todos e todas”.

“Por outra parte”, engade a concelleira, “o lóxico sería que a Xunta reaproveite o espazo do vello centro ictioxénico para construír o novo, mais se polas circunstancias técnicas que sexa este non serve, a administración autonómica ten que limpar e eliminar os restos do centro antigo, algo que encaixa na filosofía do Proxecto Mil Rios”.