Mobilización e moción contra a suba de prezos e o empobrecemento social


Manifestación de Queremos Galego

BNG tamén rexistra unha moción que pide aos distintos goberno actuacións urxentes e concretas para para paliar a suba de prezos e o empobrecemento xeral da poboación

O dato da inflación publicada esta semana que se sitúa no 9,8% é só a manifestación estatísticas dun feito que os veciños e veciñas da Estrada perciben desde hai tempo, concretamente desde o verán pasado. A guerra de Ucraína influíu na suba dos prezos, mais os carburantes, a cesta da compra e en especial a luz xa estaba disparada moito antes do 24 de febreiro.

Fronte a esta situación que deixa empobrecemento xeral das traballadoras e dos traballadores, o goberno da Xunta e o goberno do Estado responden con medidas tibias, que non aliviarán a subida de prezos, e se o fan será temporalmente.

Esta situación de parálise dos gobernos, que só aproban coidados paliativos que non resolven os problemas de fondo, cómpre actuar e mobilizarse para esixir cambios e medidas que melloren substancialmente a vida das veciñas e dos veciños da Estrada. Está en xogo o futuro; está en xogo vivir con dignidade, non simplemente sobrevivir. Desde o BNG facemos un chamamento a toda a veciñanza da Estrada a mobilizarse na rúa o vindeiro domingo 3 de abril en Santiago de Compostela, participando activamente na manifestación que ten convocada o BNG ás 12h, con saída na Praza 8 de marzo.

Mais a parte de mobilización social, o BNG tamén rexistra unha moción que pide aos distintos goberno actuacións urxentes e concretas para para paliar a suba de prezos e o empobrecemento xeral da poboación. Estas medidas son as seguintes:

  1. Demandar do goberno central a intervención inmediata no sector enerxético para controlar os prezos da electricidade e do gas, recortar os beneficios das eléctricas, impulsar unha tarifa eléctrica galega, medidas urxentes para a contención da crise da industria electrointensiva a través dunha tarifa estábel que garanta prezos máximos a medio prazo e a prohibición os cortes das subministracións básicas de forma permanente.
  2. Demandar do goberno central a baixada selectiva do IVE dos alimentos básicos, os produtos do mar, de hixiene persoal e feminina, o transporte público, a electricidade e o gas.
  3. Demandar do goberno central o Incremento das pensións e dos salarios máis baixos até o 60% do soldo medio actual.
  4. Demandar do goberno central e da Xunta de Galiza a redución temporal das peaxes, dos impostos sobre hidrocarburos e doutros custos que afectan ao transporte así como a rebaixa dos prezos dos títulos de transporte público, tanto ferroviario como por estrada.
  5. Demandar do goberno central e da Xunta de Galiza a protección do sector agro-gandeiro e marítimo-pesqueiro evitando a venda a perdas, impulsando a compra pública de pensos para garantir a subministración e impulsando axudas polo incremento dos custos de produción, singularmente enerxía e combustíbeis.
  6. Demandar do goberno central e da Xunta de Galiza a revisión impositiva para unha fiscalidade xusta e redistributiva que compense a perda de poder adquisitivo dos sectores máis vulnerábeis contemplando no IRPF a inflación e revisando os principais impostos para que pague máis quen máis ten e se distribúa a riqueza.
  7. Demandar do goberno central a actualización do Ingreso Mínimo Vital e da Xunta de Galiza a reforma da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galiza para garantir a compatibilidade e complementariedade da Renda de inclusión social de Galiza (RISGA) co Ingreso Mínimo Vital (IMV) así como axilizar e facilitar a súa tramitación.
  8. Demandar do goberno central a intervención pública no mercado da vivenda para facilitar o acceso da xente nova e as rendas máis baixas poñendo a disposición da Xunta as 2.735 vivendas da SAREB para se empregaren como vivendas sociais.
  9. Demandar do goberno central a revisión á alza das bolsas e convocatorias extraordinarias para protexer o estudantado máis afectado.
  10. Demandar da Xunta de Galiza o compromiso de non reducir as partidas de igualdade dos seus orzamentos, incrementar a contía das axudas de violencia machista conforme o IPC e aprobar sen máis dilaciónvo Plan de Choque contra a pobreza en familias Monoparentais cun orzamento e calendario específico de desenvolvemento.