O BNG da Estrada leva ao pleno deste xoves a situación da estrada do núcleo do Souto de Vea


Souto de Vea

A portavoz municipal do BNG, Susana Camba, explicou que “o vial que atravesa o Souto de Vea, moi transitada por veciños e veciñas, está completamente abandonado polo goberno municipal do PP”.

“Así”, engade a concelleira, “o máis perigoso é que sendo unha estrada con tanto tráfico e cun número imporante de casas nas súas beiras, non hai liñas que delimiten os carrís nin as zonas de aparcadoiro, o tempo borrounas case por completo”. “Cremos que o Souto de Vea non pode estar nestas condicións”, afirma, “ademais o único paso de peóns que hai está moi deteriorado e sen pintar, ao que hai que engadir que se acumula moita auga nun dos extremos, o que en máis dunha ocasión proporcionou aos veciños e veciñas unha ducha indesexada e inoportuna”.

“Xa denunciamos a situación en 2019, mais desde aquela o goberno de López non moveu un dedo”, indica a concelleira nacionalista, “e evidentemente a cousa foi a peor, por iso levaremos a pleno o estado desta estrada, instando ao goberno municipal a actuar tamén no rural”.

“Ademais”, engade a concelleira do BNG, “a entrada a este vial desde Couso tamén ten unha fochanca de enormes dimensións, que o goberno municipal ten que arranxar con urxencia, é un perigo pola situación onde se atopa, en pleno cruce”.

A concelleira do BNG, Susana Camba, tamén levou ao pleno o estado da estrada que une A Costa e A Torre en Guimarei; “entendemos que o calamitoso estado en que se atopa este vial esixe unha reposición total da capa de rodadura e non un simple parcheo cada ano que máis ben parece unha desculpa para perpetuar e mesmo incrementar o deterioro desta vía que, por certo, soporta máis tráfico ca outras que si se asfaltaron totalmente”.

Por outra parte a concelleira nacionalista instou ao goberno municipal a mellorar a seguranza nas obras que se están a levar a cabo na vila, “xa nos informaron de máis dun percance, que afortunadamente non tivo maiores consecuencias, mais cómpre tomar medidas e extremar a seguranza polo ben dos veciños e veciñas”. “Ademais”, engade a concelleira, “instamos por enésima vez ao alcalde a moverse para mellorar o enlace da N-640 coa PO-2016 que vai a Guimarei, Cereixo e Vinseiro”.