O vial do Souto de Vea vai de mal en peor, mentres o alcalde ignora as peticións dos veciños e veciñas


Susana Camba: “A situación da estrada do Souto de Vea é hoxe peor que hai 15 días, cando denunciamos o estado do vial no pleno”

Hai apenas 15 días o BNG da Estrada, a través da súa portavoz, Susana Camba, instou ao alcalde a actuar con urxencia no vial do Souto de Vea. Segundo explicou a concelleira nacionalista, “a resposta do Sr. López é que non tiñan prevista facer nada nese vial, que usan a diario centos de persoas, ademais dos veciños e veciñas do lugar e da parroquia de San Xurxo de Vea”.

“Sen embargo, a día de hoxe a situación é aínda peor”, afirma Susana Camba, “con fochancas cada vez máis grandes que requiren con urxencia un parcheado”. “O alcalde non pode inhibirse, non pode fuxir das súas responsabilidades e non pode seguir ignorando as peticións dos veciños e veciñas do Souto de Vea”, afirma a concelleira do BNG, “pode ignorar as peticións do BNG, de feito é o que fai sempre, mais non pode obviar as queixas que lle trasladamos en nome dos veciños e veciñas”.

“Por outra parte”, indica a concelleira, “seguimos insistindo que este vial necesita con urxencia un pintado das liñas que delimite os carrís e as zonas de aparcadoiro, esta estrada utilízana a diario centos de condutores e condutoras, de vehículos pequenos e camións, non pode estar nesas condicións un vial con ese volume de tráfico”. “Insistimos e reiteramos ao alcalde que é necesario pintar as liñas dos carrís”, engade a concelleira nacionalista, “é unha cuestión de seguranza vial”.