O BNG presenta no Congreso unha batería de iniciativas para mellorar a seguranza vial da N-640


N-640 ao seu paso por Ponte Liñares

Os veciños e veciñas de Matalobos, A Estrada, Lagartóns, Ponte Liñares, O Sol e O Foxo non entenderían que o goberno español mirase para outro lado desatendendo o clamor social que pide melloras urxentes

Desde o BNG da Estrada impulsamos a presentación dunha iniciativa no Congreso, a través do noso deputado, Néstor Rego, para acometer as obras necesarias para a mellora integral da seguranza vial da N-640, ao seu paso polo noso concello, especialmente no tramo comprendido entre os núcleos de poboación de Matalobos, A Estrada, Lagartóns, Ponte Liñares, O Sol e O Foxo, un tramo de case 27 quilómetros onde é habitual os accidentes de maior ou menor consideración para os peóns.

Na iniciativa rexistrada por Néstor Rego, instamos ao goberno español a contemplar entre as medidas de seguranza vial que se propoñan a instalación de pasos de peóns e semáforos nos núcleos rurais deste tramo de 27 quilómetros.

Desde o BNG agardamos unha maior sensibilidade por parte do goberno de PSOE e Podemos, que a que amosaron hai poucos meses cunha iniciativa semellante para mellorar a seguranza vial no tramo do núcleo urbano. Nesta ocasión o Ministerio de Transportes despachou a iniciativa indicando que non lle constaban que houbese problemas de seguranza vial no tramo do casco urbano, a pesar de que en 2019 rexistráronse cinco atropelos, un deles mortal. Neste sentido, tendo en conta o último atropelo ocorrido en Ponte Liñares, o goberno español non pode mirar para outro lado e debe actuar xa para cortar de raíz os accidentes neste tramo de 27 quilómetros da N-640.

Mellora do cruce da N-640 co PO-2016

A iniciativa rexistrada polo noso deputado, Néstor Rego, tamén se contempla a mellora do enlace da N-640 coa PO-2016 que conduce a Guimarei, Cereixo e Vinseiro. Para o BNG a mellora pasaría pola construción dunha rotonda ou ben mudando a situación do enlace que permita incorporarse ao vial da Deputación de Pontevedra sen dificultades.

Impulso á Variante

Por outra parte, desde o BNG da Estrada volvemos a insistir na necesario impulso que debe ter a Variante da N-640. A construción deste vial sería unha mellora para o transporte de mercadorías, senón que permitiría diminuír o tráfico de vehículos entre Callobre e Matalobos, especialmente no casco urbano, un tramo con 17 pasos a peóns e 9 semáforos.

Obvia dicir que canto menos tráfico pase por este tramo, menor é o risco de accidentes para os veciños e veciñas que viven nas marxes da N-640.