BNG propón levar a pérgola da Alameda para a Baiuca


A Baiuca

Susana Camba: “non se pode permitir que este elemento arquitectónico e patrimonial do concello permaneza tirado detrás da Fundación”

Case 4 anos despois de que o concello retirara a Pérgola da Alameda, esta aínda segue amoreada peza a peza nas instalacións da Fundación de Exposicións e Congresos, na zona deportivo.

Neste sentido, o BNG da Estrada propón, a través da súa concelleira, Susana Camba, que este elemento arquitectónico e patrimonial se instale na zona da Baiuca. Segundo explicou a concelleira do BNG, “aproveitando tamén a proposta que trasladaron veciñas da Torre neste último pleno, que reclamaban unha zona verde, cremos que dentro desta proposta encaixaría perfectamente a instalación da pérgola”. “Pensamos que tanto zona verde como pérgola axudarían a humanizar unha zona rodeada de edificios e cemento e encaixaría no modelo descentralizado de zonas verdes e de lecer que vén defendendo o BNG desde hai anos”, engade.

“Desde logo”, afirma a concelleira, “non se pode permitir que este elemento arquitectónico e patrimonial do concello permaneza tirado detrás da Fundación.” “Na Alameda proporcionou sombra durante moitos anos e consideramos que pode seguir facéndoo na Baiuca”, engade.

“Por isto instamos ao goberno municipal a reutilizar a Pérgola”, explica a concelleira nacionalista, “nós consideramos que esa é unha boa localización para este elemento, mais o lóxico é que os técnicos do concello estuden o terreo para ver se encaixa ou non; en todo caso, insistimos que a Pérgola non pode ficar tirada detrás da Fundación, hai que recuperala para disfrute de todos e todas”.