A Praza de Abastos esmorece por falta de apoio do goberno do PP


Praza de abastos

Se a situación é xa preocupante, esta pode facerse irreversíbel coa posta en marcha dos grandes centros comerciais no noso concello

Dixémolo no seu momento, a Praza de Abastos non pode ser un totum revolutum, un remexido de espazos onde comerciar con produto fresco e da horta, xunto con outros espazos que non teñen nada que ver. O resultado salta á vista e así no lo transmitiron praceiros e praceiras: na Praza de Abastos hai unha drástica baixada de clientes e postos baleiros, que ameaza con pechar o único espazo onde se poden comprar produto fresco, da horta, e de proximidade.

O goberno municipal ten que tomar medidas e tomalas xa. Non pode ficar de brazos cruzados como fai con todo. Se a situación é xa preocupante, esta pode facerse irreversíbel coa posta en marcha dos grandes centros comerciais no noso concello.

Unha das medidas que está na man do concello é levar máis actividades á súa contorna. Limitar o uso extraordinario da praza á Festa do Salmón non abonda, xa que en domingo os praceiros e praceiras non poñen á venda o seu produto. Así como hai que dispersar as obras, non concentrándoas no mesmos espazos, o goberno do PP debería descentralizar as actividades ao aire libre, aproveitando a contorna da Praza de Abastos, en días e horas nos que se concentra a actividade.

Desde o BNG instamos ao goberno municipal do PP a actuar. Deber ser a prioridade do alcalde nas vindeiras semanas e un primeiro paso debe ser reunirse con todos e todas as persoas dos postos para buscar solucións á baixada das vendas e impedir a perda de máis postos, algo que xa é moi evidente calquera día da semana. Por outra parte, o alcalde tamén ten que buscar solucións aos problemas dos alugueiros dos postos, así como o cobro da electricidade e da auga, que é pouco claro, e suscita queixa entre os praceiros e praceiras.