BNG pide desbloquear 1.253.000 euros do concello para levar a fibra a todos os núcleos rurais


Susana Camba: “Estes cartos forman parte dun préstamo que non ten unha finalidade específica e é absurdo mantelos no banco, cando se poden investir no rural para levar servizos e fixar poboación”

Vilancosta (Berres)

A concelleira do BNG, Susana Camba, e o responsábel local da organización nacionalista, Víctor Pousada, reúnense cos veciños e veciñas de Vilancosta en Berres para presentarlles a iniciativa coa que o BNG pretende impulsar a instalación de fibra óptica en núcleos que, a día de hoxe, quedan fóra das prioridades das operadoras.

A concelleira nacionalista explicou que “en pleno 2022 internet non é unha novidade, senón unha necesidade para a maioría dos veciños e veciñas”. “Hoxe ninguén dubida de que a electricidade é un servizo imprescindíbel e non se concibe que haxa un só núcleo sen luz”, afirma, “con internet pasa o mesmo, ningún núcleo rural debería quedar fóra do despregue da fibra óptica, e sen embargo, hai núcleos como Vilancosta que non está no mapa das grandes operadoras”.

Susana Camba explicou que “se as operadoras non queren levar a fibra a núcleos porque non teñen tendido aéreo, e polo tanto, tampouco teñen acceso telefonía fixa, terá que facelo o concello, e neste sentido, mantivemos un encontro con veciños e veciñas do lugar de Vilancosta para explicar a iniciativa do BNG que consiste basicamente e poñer os recursos económicos do concello e a experiencia de A Estrada Dixital para soterrar a fibra alí onde as operadoras non queren despregar a infraestrutura, cumprindo así co PXOM, que impide a instalación de tendidos aéreo para levar tendido de telecomunicacións ou electricidade.”.

“Como dixen anteriormente”, engade a concelleira, “hoxe internet é como a luz eléctrica, non pode haber ningún núcleo sen fibra, e neste sentido presentaremos unha moción na que instamos ao grupo de goberno a desbloquear 1.253.000 euros do préstamo de 4.213.000 euros solicitado polo concello hai poucas semanas polo concello para levar a fibra, a través de A Estrada Dixital, a todos os núcleos, que como Vilancosta, non está no radar das operadoras”.

A concelleira nacionalista explicou que “ese 1.253.000 euros do préstamos non teñen unha finalidade específica no curto prazo, están gardados no banco para cando xurda unha iniciativa tipo EDUSI”. “Pedir un préstamo para gardar parte no banco é absurdo”, afirma Susana Camba, “eses cartos hai que investilos e cremos que levar a fibra a núcleos como Vilancosta ou Ribeira é o mellor xeito de fixar poboación no rural”.