BNG consegue que o Ministerio de Transportes e DXT analicen a sinistralidade da N-640 ao seu paso polo concello


A perseveranza do BNG, e especialmente a realidade dos feitos, conseguiu torcer o negacionismo no que estaba instalado o Ministerio de Transportes a respecto dos accidentes na N-640

En abril do mes pasado o BNG da Estrada, a través do deputado Néstor Rego, impulsou unha iniciativa para mellorar a seguranza vial na N-640 ao seu paso polo concello da Estrada. En concreto, a iniciativa do BNG centrábase no tramo que vai desde Matalobos até O Foxo, un treito onde se teñen rexistrado accidentes de tráfico, de distinta consideración.

Hoxe temos a resposta do Ministerio de Transporte e Mobilidade, e podemos anunciar que tanto este ministerio como a Dirección Xeral de Tráfico, “analizarán dito tramo”, “para a disposición de medidas adicionais de mellora das condicións de seguranza vial, se é o caso”.

É certo que a resposta é breve e non entra a especificar o tempo que botará o Ministerio e a DXT en analizar o tramo entre Matalobos e O Foxo, máis si hai un cambio de actitude por parte do goberno central a respecto da seguranza vial na N-640. Hai que recordar que o BNG non é a primeira vez que rexistra iniciativas a este respecto no Congreso, en concreto sobre os atropelos na estrada estatal ao seu paso pola vila, que o Ministerio despechou dicindo que non lle constaban problemas de seguranza vial. A perseveranza do BNG, e especialmente a realidade dos feitos, conseguiu torcer o negacionismo no que estaba instalado o Ministerio de Transportes a respecto dos accidentes na N-640 ao seu paso polo concello da Estrada.

O BNG da Estrada comprométese a seguir presionando no Congreso para conseguir unha N-640 mellor e máis segura para todos os veciños e veciñas.