Máis pronto que tarde cumprirase a vontade dos Mártires da Estrada


É unha obriga moral é unha débeda histórica que ten o concello da Estrada cos seis veciños asasinados en 1937 polo franquismo

O 5 de xuño de 1937 o franquismo fusilou ao alcalde da Estrada Jesús Puente Fontanes e aos concelleiros Ramón Fernández Rico (1º tenente de alcalde), Manuel Nogueira González, José María Pena López, Cándido Tafalla Froiz e José Rodríguez Sangiao. Poucos meses antes do seu asasinato polo réxime fascista de Franco, o primeiro tenente de alcalde, Ramón Fernández Rico, pedía nunha carta dirixida ás futuras corporacións que “unha das rúas máis céntricas da florecente vila (da Estrada) leve esta inscrición: “Mártires da Estrada”; e que obraredes como volo pedimos en nome da República e da democracia e do ideal que nos leva á tumba”.

A pesar da sentida misiva escrita hai 85 anos, aínda hoxe o concello da Estrada non deu cumprimento á vontade dos “Mártires da Estrada”. O BNG está determinado a cumprila e así o poñemos de manifesto nun acto reivindicativo na Rúa Calvo Sotelo, colocando un adhesivo coa lenda “Mártires da Estrada”, tapando deste xeito o nome deste personaxe fascista.

Sen embargo, este é un acto simbólico do BNG, empeñados en que non se esqueza o día no que un alcalde e cinco concelleiros da Estrada foron fusilados polo franquismo. Mais cremos que é unha obriga moral é unha débeda histórica que ten o concello da Estrada cos seis veciños asasinados en 1937, que debera ser saldada máis pronto que tarde. O BNG poñerá todo o seu esforzo en que se cumpra a vontade dos Mártires da Estrada.