Máis de 20 días cos cables de telefonía polo chan no lugar de Bouzamar


Susana Camba: “Sabemos que isto non é responsabilidade do concello, pero as telecomunicacións son un servizo público esencial e o alcalde debe meter presión á operadora Movistar para que arranxen esta chapuza canto antes”

Bouzamar

Hai máis de 20 días, un accidente derrubou parcialmente un poste de teléfono no lugar de Bouzamar, San Xurxo de Vea, ao pé da EP-8401. Desde aquela a operadora Movistar non repuxo o poste, e o que é peor, os cables de teléfono e fibra están polo chan e amarrados provisionalmente ao pouco que queda do poste.

A concelleira do BNG, Susana Camba, explicou que “isto é unha chapuza total, ao tempo que perigosa para a circulación vial, e pode deixar sen conexión telefónica e de internet a ás parroquias de San Xurxo de Vea e Santo André de Vea”.

“Sabemos que isto non é responsabilidade do concello”, engade a concelleira nacionalista, “pero as telecomunicacións son un servizo público esencial e o alcalde debe meter presión á operadora Movistar para que arranxen esta chapuza canto antes.”

Susana Camba afirma que “o apaño provisional que fixo Movistar é moi feble e chapuceiro, vale para un día, pero van alá máis de 20 días, e os veciños e veciñas corren o risco de quedarse incomunicados, e o que é peor o lugar pode provocar un accidente de circulación, xa que os cables están nunha zona moi estreita da EP-8401, onde camións e autobuses pasan moi xustos por ese lugar”.

“Insistimos”, engade a concelleira nacionalista, “o alcalde ten que moverse para que Movistar arranxe esta chapuza canto antes”.