O BNG da Estrada insta ao alcalde a definir dunha vez o uso que lle quere dar á antiga estación de autobuses


Estación de autobuses

É inconcibíbel que os usuarios e usuarias de autobús fiquen á intemperie debaixo desa marquesina xigante, sen máis amparo que o que levan posto, e sen ningún tipo de servizos, nin sequera onde efectuar as lóxicas urxencias fisiolóxicas que temos todos os seres humanos

En outubro de 2021 o alcalde da Estrada anunciaba unha serie de reformas na estación de autobuses, realizadas pola Xunta de Galiza, titular do inmóbel. O importe destas reparacións foi de 48.200 euros e incluía unha limpeza e mellora da cuberta, a parte da retirada do cartel “Estación de autobuses”.

Segundo informaba o alcalde, logo destas reformas da Xunta, o concello faríase cargo do inmóbel e debullaba unha serie de usos, nos que non se atopaba precisamente o fin para o que foi construído ese inmóbel, é dicir, non será estación de autobuses, será outra cousa.

Vai alá máis de medio ano e a estas alturas a que fora estación de autobuses é unha marquesina xigante, onde os usuarios e usuarias do autobús poderán malamente acubillarse das inclemencias do tempo, sen ningún tipo de servizos adicionais, mais, este inmóbel baleiro tampouco está acondicionado como espazo asociativo, que era unha das finalidades que barallaba o alcalde.

Para o BNG da Estrada é inconcibíbel que os usuarios e usuarias de autobús fiquen á intemperie debaixo desa marquesina xigante, sen máis amparo que o que levan posto, e sen ningún tipo de servizos, nin sequera onde efectuar as lóxicas urxencias fisiolóxicas que temos todos os seres humanos.

Por outra parte, máis de medio ano máis tarde, e despois das reformas da Xunta, valoradas en 48.200 euros, a Estación de Autobuses segue tan sucia como entón e cos mesmos cristais rotos.

A Estrada, cemiterio de edificios públicos abandonados

Desde o BNG pedimos ao alcalde que defina xa que uso lle vai dar a ese inmóbel. Non é de recibo que A Estrada sexa un cemiterio de edificios públicos abandonados ou sen uso, que, ademais da “desaparecida” estación de autobuses, tamén está o Museo Estradense, o antigo INEM e por suposto, o antigo ambulatorio, que esmorece no centro da Estrada.

Servizos públicos

Por outra parte, instamos ao alcalde a habilitar servizos públicos na parada -non se pode chamar doutro xeito- da estación de autobuses. É o mínimo que se lle pode proporcionar a toda persoa que ten que agardar nun espazo público.