O BNG da Estrada reitera a súa oposición ao proxecto de ampliación da AG-59


Proxecto da AG-59 atravesando O Rollo

Pedimos a retirada deste proxecto e elaborar outro que non supoña este nivel de agresión ao medio ambiente, ao patrimonio cultural e etnográfico, aos nosos sectores produtivos e a convivencia da veciñanza

O BNG da Estrada non comparte o entusiasmo do alcalde coa ampliación da AG-59, así como o de outras forzas políticas, e reiteramos que este proxecto é unha agresión en toda regra ao medio ambiente, ao patrimonio cultural e etnográfico, así como os sectores produtivos, e ten que ser retirado. Arrasar fincas, espazos naturais e patrimoniais non é o mellor xeito de traballar por un rural vivo e con futuro.

Lamentamos que a Consellaría Medio Ambiente ignore as alegacións que presentaron veciños e veciñas, asociacións e outras entidades, entre elas a do BNG da Estrada, que pedía a retirada deste proxecto. Con todo, o BNG da Estrada non tira a toalla, e anunciamos que o vindeiro mes de setembro defenderemos unha iniciativa no Parlamento Galego que pide “retirar o actual proxecto de trazado do subtreito de ampliación da autovía AG 59 entre a Ramallosa (concello de Teo) até o Rollo (concello da Estrada) e elaborar outro que non supoña este nivel de agresión ao medio ambiente, ao patrimonio cultural e etnográfico, aos nosos sectores produtivos e a convivencia da veciñanza”.

Hai que ter en conta que toda a ribeira do Ulla que descorre polos concellos da Estrada e Teo está inserida no sistema fluvial Ulla-Deza da Rede Natura 2000, un espazo de “especial protección”, segundo indica o propio informe de declaración ambiental do proxecto. Porén, a Consellaría de Infraestruturas elaborou o proxecto de ampliación da AG-59 desde a Ramallosa (concello de Teo) até O Rollo (concello da Estrada), cunha autovía que atravesa o río Ulla cun viaduto de 40 metros e catro carrís, e o río Vea, con outro pequeno viaduto.

O trazado tamén afecta gravemente a patrimonio etnográfico de enorme importancia cultural, como O Castro, así como os Muíños do Vea, postos en valor pola asociación A Xesteira de Couso, sufragado con fondos FEADER (Unión Europea, Xunta e Estado). Mais agora ficarán debaixo dunha ponte, sen máis protección que un simple balizado, segundo indica o informe de impacto ambiental.

Ademais este proxecto de ampliación da AG-59 arrasa terreos agrarios en ambos os dous concellos, en especial en Cora onde se concentran varias explotacións agro-gandeiras, que verán diminuído as terras de cultivo.

Por outra parte, este proxecto de autovía deseñado pola Xunta do PP, divide parroquias, afectando gravemente á habitabilidade destas, xa que discorre entre as casas a escasos metros, como por exemplo no Rollo, onde remata a autovía.