É hora de tomar medidas para garantir o futuro da Torre de Guimarei


Susana Camba: “Hai un ano a familia propietaria comprometeuse co alcalde a facer obras de consolidación na Torre e o único que se consolida é o deterioro deste ben patrimonial”

Hai un ano, a nosa concelleira, Susana Camba, interpelaba no pleno ao alcalde sobre a grave situación de deterioro da Torre de Guimarei. Naquel entón, o alcalde indicou que falara coa familia propietaria e que se comprometeran a encargar un informe de situación a unha empresa especializada, así como das actuacións precisas para frear o deterioro deste ben patrimonial.

“Pasou un ano en nada se fixo”, afirma a concelleira nacionalista, Susana Camba, “e a situación deste ben BIC é cada día peor”. “Neste sentido, desde o BNG instamos ao alcalde a tomar medidas contra a familia propietaria deste ben patrimonial de todos os veciños e veciñas da Estrada”, engade a concelleira nacionalista.

“Ter en propiedade un elemento BIC non só é un privilexio, senón tamén unha responsabilidade e non pode ser que pasen os días sen que nada se faga por consolidar a Torre, “afirma”, “ao contrario, coa irresponsabilidade da familia propietaria e coa pasividade do alcalde, o único que se consolida é o deterioro deste ben patrimonial”.

A concelleira nacionalista insta ao alcalde a actuar, “é hora de tomar medidas, legais, administrativas… as que sexa preciso para garantir a estabilidade e o futuro deste ben patrimonial de todos os veciños e veciñas”.